Trump di que tomará medidas para acabar coa separación das familias inmigrantes

"Queremos manter xuntas ás familias", asegura o presidente de Estados Unidos

Donald Trump comparece ante los medios de comunicación antes de viajar a Dallas para asistir a la convención anual de la Asociación Nacional del Rifle. MICHAEL REYNOLDS (EFE)
photo_camera Donald Trump. MICHAEL REYNOLDS (EFE)

O presidente estadounidense, Donald Trump, dixo este mércores que asinará unha medida "nun intre" para afrontar o problema da separación dos nenos inmigrantes indocumentados dos seus pais na fronteira sur, que xerou numerosas críticas no país e no mundo.

"Queremos manter xuntas ás familias", asegurou Trump nun encontro con membros do Congreso na Casa Branca. "Asinarei algo nun intre que vai facer iso", engadiu.

O presidente afirmou que a súa medida será "preventiva ata certo punto" e prognosticou que o Congreso acabará aprobando unha "lexislación" sobre o tema. Polo menos 2.342 nenos inmigrantes foron separados dos seus pais entre o 5 de maio e o 9 de xuño, segundo datos oficiais.

A cadea de televisión Fox News informou este mércores de que Trump está a considerar unha orde que permitiría que os nenos queden cos seus pais en centros de detención durante un prazo de tempo dilatado.

O presidente afirmou que a súa medida será preventiva ata certo punto e prognosticou que o Congreso acabará aprobando unha lexislación sobre o tema

Iso podería contravenir un acordo, coñecido como Flores, ao que chegou o Goberno de Estados Unidos con dúas organizacións humanitarias en 1997 e que establece que os menores detidos na fronteira só poden ser privados de liberdade durante 20 días.

O Goberno do expresidente Barack Obama (2009-2017) incumpriu ese acordo cando se produciu en 2014 unha chegada masiva de menores procedentes de Centroamérica.

Nese contexto, en 2016, un xuíz federal fallou contra as políticas que puxera en práctica o Executivo de Obama e estableceu que o límite de 20 días de detención tamén debía aplicarse aos nenos que viaxaban acompañados dos seus pais, é dicir, a familias con menores.

As separacións de familias na fronteira son consecuencia da política de tolerancia "cero" que puxo en marcha en abril o Goberno de Trump, e que leva a presentar cargos criminais contra calquera adulto que cruza irregularmente a fronteira con México, que é separado entón dos nenos cos que viaxa.

Trump anunciou ademais que decidiu pospor o picnic que tiña previsto celebrar este xoves na Casa Branca con membros do Congreso, ao asegurar que non lle parecía correcto" mantelo, presumiblemente debido á mala imaxe pública que daría ese banquete en Washington dada a situación na fronteira.