Uber e Cabify deixarán de funcionar en Barcelona a partir deste venres

As compañías sinalan que a obrigación de precontratar os VCT cunha antelación mínima de 15 minutos "non existe en ningún lugar de Europa"

Coche de Cabify. EUROPA PRESS
photo_camera Coche de Cabify. EUROPA PRESS

Cabify e Uber anunciaron este xoves que deixarán de operar en Barcelona a partir deste venres, o mesmo día que entra en vigor o decreto da Generalitat que obriga a precontratar os vehículos de aluguer con condutor (VCT) cunha antelación mínima de 15 minutos.

Segundo informou a empresa, a aplicación de Cabify informará este venres aos seus usuarios da "súa expulsión de Cataluña", coa entrada en vigor da normativa catalá. Tras revisar o texto, a compañía concluíu que esta regulación ten "como único obxectivo e, xa que logo, tamén como consecuencia final", a expulsión directa da aplicación Cabify e das súas empresas colaboradoras de Cataluña.

Nesta mesma liña pronunciouse Uber que, segundo explicou a compañía nun comunicado, víronse "obrigados" a tomar esta decisión tras a aprobación do decreto.

Aínda así, a empresa mostrouse "a disposición da Generalitat e do Concello de Barcelona para traballar nunha regulación xusta para todos" e que teña en conta aos miles de condutores e pasaxeiros dos VTC.

En Uber queremos que exista unha regulación. O noso obxectivo é converternos nun aliado a longo prazo

A compañía sinala que desde que volveu funcionar en Barcelona hai un ano atendeu a máis de medio millón de clientes, dando traballo a miles de condutores. 

"En Uber queremos que exista unha regulación. O noso obxectivo é converternos nun aliado a longo prazo das máis de 600 cidades nas que operamos. E Barcelona non é unha excepción", apuntaron. 

Por iso, reclamaron unha regulación xusta que teña en conta aos condutores e usuarios de VTC "que hoxe ven desaparecer o seu medio de vida e a súa liberdade de elixir como se moven pola súa cidade". 

"A obrigación de esperar 15 minutos para viaxar nunha VTC non existe en ningún lugar de Europa e é totalmente incompatible coa inmediatez dos servizos" que prestan este tipo de empresas, subliñaron.  Ademais, a empresa agradeceu aos seus condutores ser "un exemplo de dignidade e profesionalidade, incluso nos peores momentos". 

Comentarios