Urdangarin segue en segundo grao e estará en Brieva polo menos seis meses máis

Será en decembro deste ano, cando cumpra unha cuarta parte da condena, que poderá solicitar permisos de saídas
Iñaki Urdangarin. AEP
photo_camera Iñaki Urdangarin. AEP

A Xunta de Tratamento da prisión de mulleres de Brieva (Ávila) decidiu manter a Iñaki Urdangarin, condenado a 5 anos e 10 meses polo caso Nóos, en segundo grao -o réxime ordinario- e permanecerá nesa mesma cárcere polo menos seis meses máis.

Así o indicaron a Efe fontes de Institucións Penais, que recordaron que nestas datas tocaba revisar a súa clasificación, algo que, como con calquera preso, se fai cada seis meses. Urdangarin pode recorrer esta decisión se así o desexa ante a Secretaría Xeral de Institucións Penais e ante o xuíz de Vixilancia Penal.

O 18 de xuño do ano pasado Urdangarín ingresou na prisión de Brieva, onde é o único home interno

Non será ata decembro, cando cumpra unha cuarta parte da condena, que poderá solicitar permisos de saídas. O 18 de xuño do ano pasado Urdangarin ingresou en prisión. Estaba en liberdade provisional, podía elixir cárcere e optou pola de Brieva, onde é o único home interno. Clasificóuselle en segundo grao, o réxime ordinario da maioría dos presos e no que se mantén. Ata decembro, cando poderá pedir permisos, terá que conformarse coas visitas que reciba, as mesmas ás que ten dereito calquera preso.

Respecto das comunicacións extraordinarias no locutorio, dispón de dúas á semana de 20 minutos cada unha, aínda que se así o quere, pode xuntalas nunha de 40 minutos. Ata catro persoas poden visitalo nesas comunicacións. Tamén ten dereito a un vis a vis ao mes, de entre 1 e 3 horas de duración, así como a un encontro familiar sen biombos, tamén cada trinta días e por igual tempo.

Comentarios