Un xulgado de Madrid decreta que os repartidores de Deliveroo eran "falsos autónomos"

O xuíz dá a razón á Inspección de Traballo e a Seguridade Social
Repartidor de Deliveroo. EP
photo_camera Repartidor de Deliveroo. EP

Os máis de 500 repartidores que traballaban para a compañía Deliveroo en Madrid entre outubro de 2015 -cando comezou a operar en España- e xuño de 2017 facíano como "falsos autónomos", segundo o xuíz encargado do caso, que deu así a razón á Inspección de Traballo e a Seguridade Social.

A sentenza do xulgado do Social número 19 de Madrid, publicada este martes e correspondente ao xuízo celebrado o pasado 31 de maio, considera probado que os repartidores "estaban suxeitos a unha relación laboral" coa empresa, que pola contra defende que son "colaboradores" e considéraos autónomos.

O fallo estima a demanda contra Deliveroo presentada pola Tesourería da Seguridade Social -tras a apertura dun expediente por parte de Inspección de Traballo-, tal e como xa fixo a finais de xuño outro xulgado de Valencia, que tamén ditaminou que os chamados "riders" son empregados e non autónomos.

Comentarios