A Xustiza alemá asegura que "Puigdemont é libre e pode abandonar Alemaña"

A audiencia comunicara previamente a súa decisión de levantar as medidas cautelares que impuxera a Puigdemont ata a súa extradición

Carles Puigdemont. EFE
photo_camera Carles Puigdemont. EFE

A Audiencia Territorial de Schleswig-Holstein deu este venres por pechado "por completo" o proceso de extradición contra o expresidente catalán Carles Puigdemont e asegurou que o líder soberanista pode abandonar "inmediatamente" o país. "Puigdemont é libre e pode abandonar Alemaña inmediatamente", asegurou en declaracións a Efe a portavoz da audiencia, Frauke Holmer.

A audiencia comunicara previamente a súa decisión de levantar as medidas cautelares que impuxera a Puigdemont ata a súa extradición, como consecuencia da decisión deste xoves da Xustiza española de retirar a petición de entrega.

O tribunal indicou nun breve comunicado que recibira unha notificación da Fiscalía de Schleswig-Holstein no que se lle informaba sobre o paso dado polo Tribunal Supremo español. "A sala primeira do penal da Audiencia Territorial de Schleswig-Holstein decidiu a petición da Fiscalía levantar as medidas cautelares para a extradición contra o expresidente rexional catalán Carles Puigdemont, despois de que a Xustiza española rexeitase a extradición o 19 de xullo", di o texto da nota de prensa.

A Audiencia resolveu o pasado 12 de xullo extraditar a Puigdemont -pero só por un presunto delito de malversación de fondos e non polo de rebelión- e decidiu que o líder soberanista permanecese en liberdade baixo fianza de 75.000 euros e coa obrigación de presentarse semanalmente ante a policía ata a súa entrega a España.

Pouco antes a Fiscalía deste mesmo land alemán confirmou recibir o comunicado da Xustiza española sobre a retirada da euroorde contra Puigdemont e solicitar á audiencia o peche do proceso.

A fiscalía subliñou que tras a decisión do xuíz Pablo Llarena do Tribunal Supremo español "queda retirada a base do procedemento". "Agora solicitouse á Audiencia de Schleswig-Holstein a cancelación da orde de detención e entrega contra Carles Puigdemont", agregou a fiscalía.

Procedente de Finlandia, Puigdemont foi detido o 25 de marzo pasado pola policía alemá cando intentaba regresar en automóbil a Bélxica, país onde fuxiu a últimos de outubro pasado.

O Executivo español, amparado na Constitución, destituíu a Puigdemont e a todos os seus conselleiros o 27 de outubro de 2017, despois de que o Parlamento rexional de entón aprobase unha declaración a favor da independencia unilateral de Cataluña.

Turull, Rull e Sànchez piden a súa liberdade tras a retirada das euroordes
Os exconsellers Jordi Turull e Josep Rull e o deputado de JxCAT e exlíder da ANC Jordi Sànchez pediron ao Tribunal Supremo que os deixe en liberdade, ao considerar que a decisión do xuíz Pablo Llarena de retirar todas as euroordes demostra a "debilidade" da acusación por rebelión.

Nun escrito, ao que tivo acceso Efe, a defensa de Turull, Rull e Sànchez solicita a súa inmediata excarceración, xa que entende que a retirada das euroordes contra todos os políticos independentistas fuxidos da xustiza española demostra a "suma debilidade da forzada cualificación xurídica" por rebelión ou sedición a partir da que "se construíu" a causa.

Comentarios