A asociación sociocultural ASCM, fundada en Ferrol en 1987 co obxectivo de conseguir a plena inclusión das persoas con discapacidade, recalou este domingo en Sarria dentro dunha xira por distintos concellos xacobeos para facer ver a necesidade dun Camiño de Santiago accesible para todos.
Este colectivo sen ánimo de lucro ten en marcha a iniciativa Sportodxs sobre Rodas, dentro do programa O Teu Xacobeo, no que trata de implicar desde as administracións públicas ata os centros educativos e o tecido empresarial para conseguir ese obxectivo dun Camiño de Santiago plenamente inclusivo.
Ademais de promover unha camiñada virtual, a ASCM desprazouse ata Sarria coa súa furgoneta e, no paseo do Malecón, organizou unha actividade divulgativa e un acto coa participación do goberno municipal e docentes do IES Xograr Afonso Gómez.
Neste centro estuda segundo de Eso Natalia López López, gañadora dun concurso de debuxo para elixir a mascota desta iniciativa, bautizada como Xacobín. A súa creación representará o Camiño Francés nunha fase final do certame cos debuxos gañadores noutras rutas xacobeas.
O alcalde de Sarria, Claudio Garrido, agradeceu a visita desta asociación, recoñecida como entidade de utilidade pública pola Xunta, e ofreceu o apoio do Concello aos valores que promove.
O rexedor recordou que a vila conta desde hai anos cun centro de atención a persoas con discapacidade, o cal está "integrado" na sociedade local e insistiu en que "o Camiño de Santiago é de todos" e "Sarria está no camiño da integración".
A asociación, pola súa banda, sinalou que o principal problema ao que se seguen enfrontando as persoas con discapacidade á hora de percorrer o Camiño son os perigosos tramos por estrada. Ademais, considerou que aínda queda moito por avanzar para que estes peregrinos poidan facer a ruta con autonomía plena.