Correos e os municipios do Camiño promoven unha ruta máis sostible

Animan aos peregrinos a cambiar hábitos que axuden a lograr as metas da Axenda 2030
photo_camera Responsables de Correos e dos concellos presentaron a iniciativa. VILA

Correos, en colaboración coa Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés, puxo en marcha unha iniciativa para promocionar o desenvolvemento sostible na ruta xacobea, animando aos peregrinos a cambiar hábitos que axuden a conseguir as metas da Axenda 2030.

A responsable de El Camino con Correos, Charo Calvo, presentou este mércores esta campaña no consistorio sarrián, acompañada do presidente da Mancomunidade, Claudio Garrido, e representantes doutros concellos que forman esta entidade. Segundo explicaron, trátase de reflexionar sobre os hábitos diarios e cambiar pequenas rutinas para conseguir un mundo mellor con accións máis sostibles desde o punto de vista ambiental, patrimonial e humano.

Aforrar auga na ducha logo de cada etapa do Camiño, comprar produtos de tempada, substituír as botellas de plástico por unha cantimplora, separar residuos ou utilizar o transporte público para chegar ao momento de inicio da ruta xacobea son algúns dos consellos que ofrecen.

A iniciativa trata tamén de poñer en valor a quen da vida ao Camiño de Santiago, "animando a aproveitar a peregrinación para coñecer outras culturas, compartir experiencias con persoas de diferentes países, razas e relixións e achegarse aos costumes de cada pobo".

Albergues e outros establecementos únense difundindo mensaxes a favor da reciclaxe ou do comercio local

Segundo informaron, a finalidade é dar a coñecer os 17 obxectivos promulgados pola ONU no marco da Axenda 2030 e achegalos ao día a día. Para iso, os peregrinos poden facerse cunha pequena guía que explica en que consisten e como poden aplicarse no Camiño e a vida diaria.

Tanto nos locais de Correos como nas oficinas de turismo colaboradoras haberá folletos coa lema Este Camiño non só te leva a Santiago, tamén te leva a un futuro mellor. Ademais, repartiranse bolsas de tea entre os peregrinos que camiñan a Compostela nas que se pode ler As túas pegadas poden cambiar o mundo.

No marco desta campaña, os albergues e comercios dos once municipios que forman a Mancomunidade do Camiño Francés tamén terán á súa disposición adhesivos que difunden mensaxes a favor da reciclaxe, a interculturalidade, o comercio local e responsable, o aforro de auga ou a necesidade de reducir o uso do plástico nos envases.

O encontro deste mércores en Sarria serviu, ademais, para que Correos anunciase aos concellos a posibilidade de que os comercios das súas zonas se unan sen comisións a unha plataforma de venda online.

Comentarios