Entra en servizo unha rede de 28 fontes públicas de auga potable no Camiño Inglés

A iniciativa presentada en Abegondo inclúe a 18 concellos no proxecto deste percorrido que ten o seu punto final na zona de San Caetano, en Santiago de Compostela
Una mujer se refresca con agua de una fuente. AEP
photo_camera Una mujer se refresca con agua de una fuente. AEP

Os 18 concellos galegos polos que pasa o Camiño Inglés a Santiago contan desde este martes cunha rede de 28 fontes públicas de auga potable para o uso dos camiñantes e dos veciños.

As autoridades responsables do proxecto participaron este martes na inauguración dunha destas fontes, a que marca o final do Camiño, situada na zona de San Caetano, en Santiago de Compostela.

No acto participou o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, promotor da iniciativa, así como a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, a subdirectora da Consellería de Sanidade, Inés Mato, do deputado de Economía, Facenda e Persoal da Deputación da Coruña, Antonio Leira, e de representantes do Concello de Santiago de Compostela, do equipo de seguimento do proxecto Life e da Asociación de Concellos do Camiño Inglés. 

Ao mesmo tempo que en Santiago, cada municipio participante no proxecto tamén procedeu a inaugurar a súa respectiva fonte de auga. En concreto, están situadas, ademais de en Santiago, en Ordes, Carral, Mesía, Oroso, Betanzos, Abegondo, Miño, Paderne, Cambre, A Coruña, Ferrol, Narón, Cabanas, Culleredo, Pontedeume e Fene e Neda. 

Para levar a cabo esta iniciativa foi necesaria a colaboración de distintas administracións, entre elas as consellerías de Infraestruturas e Mobilidade e de Sanidade, a Deputación Provincial da Coruña, o Concello de Abegondo, a ADR Mariñas-Betanzos ou a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia.

O orzamento global da intervención ascende a máis de 973.000 euros, dos que os socios citados achegan case 604.000 euros e o importe restante, é dicir, uns 370.000 euros, son proporcionados a través de fondos europeos. 

O obxectivo é conformar unha rede piloto formada por 28 fontes de auga para o consumo humano, cubrindo as necesidades dos usuarios do Camiño de Santiago Inglés, aínda que tamén é apta e accesible para servir á poboación local. 

O deseño de todas as instalacións é uniforme, seguindo o prototipo para fontes naturais, deseñado especificamente polo Instituto Tecnolóxico de Galicia no marco desta acción. As fontes dispoñen de billas con protector en aceiro inoxidable satinado e pulsador temporizado, cubertas de granito e laterais de piñeiro.

PROXECTO LIFE WATER WAY. As administracións participantes, a través desta iniciativa materializada mediante o proxecto europeo Life Water Way, buscan mellorar a calidade da auga de consumo humano cun novo concepto de fontes públicas, garantir a súa calidade sanitaria e incidir directamente na saúde das persoas que percorren o Camiño.

Aínda que a rede piloto foi concibida principalmente para cubrir as necesidades de auga dos usuarios do Camiño Inglés, é tamén apta e accesible para satisfacer as necesidades da poboación local. Así mesmo, o proxecto pretende fomentar un uso máis sostible da auga nas sendas naturais e nos itinerarios culturais europeos. 

Comentarios