'Inventio' quere colocar o Camiño como "eixo vertebrador da cultura galega"

Trátase dun espectáculo vangardista, promovido  pola Xunta de Galicia a través do Xacobeo e da Fundación La Caixa, en que haberá maxia, danza e circo
 
Imagen de archivo de una actuación de 'Inventio'. XUNTA
photo_camera Imaxe de arquivo dunha actuación de 'Inventio'. XUNTA

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, presentou este martes o espectáculo Inventio, unha aposta vangardista en gran formato que bota man da maxia, a danza e o circo para colocar o Camiño de Santiago "como eixo vertebrador da identidade cultural galega". 

A proposta --un proxecto da promotora Thinking Up Events, da Xunta de Galicia a través do Xacobeo e da Fundación La Caixa-- consiste nun espectáculo versátil e misceláneo que suma tradición e vangarda e que se inspira, por unha banda, na cultura tradicional galega, pero tamén asume audaces propostas do audiovisual e dos autores máis avanzados do panorama internacional. 

Conta, ademais, coa colaboración de Sargadelos, que cedeu a sede da Fundación para a presentación do evento, no que participaron representantes de todas as entidades que o impulsan. 

Inventio levará ao escenario a un ilusionista, seis bailaríns e sete artistas de circo que forman parte dun equipo de 40 persoas baixo a dirección do ilusionista galego Martín --quen tamén interveu no acto de presentación-- e do dramaturgo José L. Prieto.

Unha historia futurista. Representa unha historia futurista ambientada no ano 2094, o último Xacobeo do século, no que misteriosamente desaparece o Camiño e, con el, a identidade cultura galega. 

A misión dos protagonistas é recuperar esas raíces, para o que recorrerán a todas as pegadas que deixou o Camiño na historia, nas lendas e na literatura a través dos séculos. 

Alfonso Rueda chamou a atención sobre o feito de que a proposta non se basea, como é habitual, na tradición histórica do Camiño, senón que pon os ollos nas súas futuras pegadas, "avanzando que o fenómeno Xacobeo seguirá marcando a identidade cultural galega das próximas xeracións". 

O vicepresidente primeiro defendeu que a aposta da Xunta por este espectáculo débese a que axuda a estender o Xacobeo e a marca Galicia como destino seguro e invita a camiñar a Galicia nun ano "especial" para a recuperación económica da comunidade da man do Ano Santo.

A xira arrinca en setembro. O espectáculo arrincará en setembro en Ferrol e Santiago e logo percorrerá as demais cidades galegas, para continuar a xira por outras urbes de España e Portugal. 

Aberto a públicos de todas as idades, achegará aos espectadores as pegadas do Camiño na cultura galega pero tamén a súa influencia ao longo da historia en autores como Cervantes, Cunqueiro, Valle-Inclán ou García Lorca. 

Comentarios