El tiempo
lunes. 04.07.2022
El tiempo

A Xunta rehabilitará 12 monumentos BIC con 27 millóns do Plan Xacobeo

Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior al Consello da Xunta. EUROPA PRESS
Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior al Consello da Xunta. EUROPA PRESS
Así o explicou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, na rolda de prensa tras a reunión semanal do Goberno galego

A Xunta disporá de 27,4 millóns de euros de fondos europeos para a rehabilitación e posta en valor de 12 bens de interese cultural (BIC) ata 2025, no marco do Plan Xacobeo Next Generation.

Dentro desta convocatoria de subvencións do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para proxectos sostibles de mantemento e rehabilitación do patrimonio histórico de uso turístico dos Camiños de Santiago do Plan turístico nacional Xacobeo 21-22, Galicia conseguiu o 40 % do total de 65 millóns dispoñibles.

Así o explicou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, na rolda de prensa tras a reunión semanal do Goberno galego, na que agradeceu esta cantidade "importante" que lle corresponderá a Galicia, á vez que volveu a reivindicar que se amplíen as bonificacións fiscais de 2021 a este segundo ano de Xacobeo.

As actuacións aprobadas permitirán actuacións de rehabilitación de espazos públicos para o seu uso turístico, introducir melloras de sustentabilidade, accesibilidade e eficiencia enerxética ou modernizar ou impulsar a dixitalización destes espazos.

A maior das axudas vai destinada á fortaleza de Monterrei, con 16,9 millóns de euros, pero tamén haberá obras importantes no Parque do Pasatempo en Betanzos (1,8 millóns); na Ribeira do Lérez desde As Xunqueiras ata As Aceñas (1,2); a Torre de Hércules (1,2); no Paisaxe Cultural da Ribeira Sacra (1,7); e nos arquipélagos de Ons (1,7) e Sálvora (968.000 euros).

Haberá actuacións ademais no cárcere vello de Tui (484.000 euros), o conxunto histórico-artístico de Mondoñedo (330.148), no castelo de Santa Cruz da Guarda (242.000), nas Torres do Oeste en Catoira (363.000), e na Casa Museo de Valle Inclán de Vilanova de Arousa (522.901).

Rueda puntualizou que se elixiu aqueles proxectos que podían estar "máis maduros" á parte dos que eran de titularidade pública e non da Igrexa, como obrigaba a convocatoria, polo que descartou as críticas que poida haber por esta selección que foi "absolutamente obxectiva".

A Xunta rehabilitará 12 monumentos BIC con 27 millóns do Plan Xacobeo
comentarios