Brad Pitt únese a DiCaprio na cinta de Tarantino sobre Charles Manson

"É unha historia que ten lugar nos Ángeles en 1969, no apoxeo do Hollywood hippie", sinalou o director

Brad Pitt. EFE
photo_camera Brad Pitt. EFE

Brad Pitt unirase a Leonardo DiCaprio para protagonizar a película do cineasta Quentin Tarantino en torno ao famoso asasino Charles Manson, informou este xoves o medio especializado The Hollywood Reporter. Tarantino aproveitou a noticia da fichaxe de Pitt para desvelar o título do filme, Once Upon a Time in Hollywood, así como algúns detalles da trama.

"É unha historia que ten lugar en Los Ángeles en 1969, no apoxeo do Hollywood hippie. Os dous protagonistas son Rick Dalton (DiCaprio), unha antiga estrela de wésterns televisivos, e o seu dobre de acción Cliff Booth (Pitt). Os dous teñen problemas para triunfar nun Hollywood que xa non recoñecen. Pero Rich ten unha veciña moi famosa... Sharon Tate", dixo o cineasta.

Tate, esposa do director Roman Polanski, foi unha do nove persoas que morreron a mans de Charles Manson e a seita A Familia, cuxos crimes conmocionaron á sociedade estadounidense e marcaron simbólicamente un punto e aparte na contracultura dos anos 60. Manson foi condenado a cadea perpetua e faleceu o pasado 19 de novembro aos 83 anos.

Pitt e DiCaprio xa traballaron con Tarantino: o primeiro participou en Inglourious Basterds (2009), mentres que o segundo interveu en Django Unchained (2012). "Traballei neste guión durante cinco anos e vivín no condado de Los Ángeles a maior parte da miña vida, incluíndo 1969, cando tiña sete anos. Estou moi emocionado de contar esta historia dun Los Ángeles e dun Hollywood que xa non existen", engadiu Tarantino, quen afirmou que non podería estar máis feliz por contar no seu elenco con Pitt e DiCaprio.

A estrea desta nova película de Tarantino, a primeira tras The Hateful Eight (2015), está previsto para o 9 de agosto de 2019, data na que se cumprirán 50 anos da morte de Tate.

Figura do cinema contemporáneo e reverenciado como un dos directores máis influentes dos últimos 30 anos, a filmografía de Tarantino inclúe as cintas Reservoir Dogs (1992), Pulp Fiction (1994), Kill Bill: Vol. 1 e 2 (2003 e 2004) ou Inglourious Basterds (2009).

Once Upon a Time in Hollywood será a primeira película de Tarantino que non conte co respaldo do produtor Harvey Weinstein, que apostou por el desde Reservoir Dogs pero cuxa reputación na industria audiovisual afundiuse despois de que decenas de mulleres o acusaran de diferentes episodios de agresión sexual.

Comentarios