Carrie Fisher aparecerá no episodio IX de 'Star Wars' con metraxe non usada

"Amamos desesperadamente a Carrie Fisher", dixo J.J. Abrams, realizador de Star Wars: The Force Awakens

Carrie Fisher. TWITTER
photo_camera Carrie Fisher. TWITTER

A actriz Carrie Fisher, que faleceu en 2016 aos 60 anos, aparecerá de xeito póstumo na película Star Wars: Episode IX por medio de metraxe rodada para Star Wars: Episode VII - The Force Awakens que non chegou a ser utilizado, informou este venres nun comunicado Lucasfilm. "Amamos desesperadamente a Carrie Fisher", dixo J.J. Abrams, realizador de Star Wars: The Force Awakens e que tamén se fará cargo do noveno episodio, aínda sen título.

"Atopar unha conclusión verdadeiramente satisfactoria para a saga Skywalker sen ela escapábasenos. Nunca iamos elixir outra actriz ou usar un personaxe CG (por recreación dixital). Co apoio e a bendición da súa filla Billie, atopamos o xeito de honrar o legado de Carrie e o personaxe de Leia no Episode IX usando metraxe non vista que rodamos xuntos en Episode VII", dixo.

Este anuncio, con todo, contradixo a versión previa de Lucasfilm, que a través da súa presidenta, Kathleen Kennedy, asegurou en abril de 2017 que a actriz non aparecería como a princesa Leia na cinta que pechará a terceira triloxía de Star Wars.

"Tristemente, Carrie non estará en Episode IX. Veremos unha chea de Carrie en Star Wars: Episode VIII - The Last Jedi (2017) e iso é estupendo", apuntou Kennedy en declaracións á cadea ABC durante a Star Wars Celebration que se celebrou en Orlando (EE.UU.) en abril do ano pasado.

Esta decisión pode estar relacionada co cambio no temón do Episode IX, que ía ser dirixido orixinalmente por Colin Trevorrow, realizador de Jurassic World (2015), pero que, finalmente, foi substituído por Abrams debido a diferenzas creativas con Lucasfilm. Abrams é tamén coautor do guion xunto a Chris Terrio (Argo).

A rodaxe desta película comezará o 1 de agosto nos estudos Pinewood de Londres. Na repartición confirmada desta nova entrega de Star Wars figuran Daisy Ridley, Adam Driver, John Boyega, Óscar Isaac, Lupita Nyong'ou, Kelly Marie Tran, Billie Lourd (a filla de Carrie Fisher), Mark Hamill, Anthony Daniels e Billy Dee Williams.

O medio especializado Variety sinalou a comezos deste mes que a actriz Keri Russell, coñecida polos seus papeis nas series de televisión Felicity e The Americans, tamén participará nesta cinta, aínda que Lucasfilm non detallou este venres nada respecto diso. Star Wars: Episode IX chegará aos cines en decembro de 2019.

Comentarios