Oito cines galegos estrearán este venres a película 'A estación violenta'

A adaptación dunha novela escrita polo xornalista Manuel Jabois foi dirixida pola directora pontevedresa Anxos Fazáns

Presentación de 'A Estación violenta' en Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Presentación de #39;A &Estación violenta' en Pontevedra. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Oito cines galegos estrearán este venres, 1 de xuño, a película A estación violenta, a adaptación dunha novela escrita polo xornalista Manuel Jabois que dirixiu a directora pontevedresa Anxos Fazáns.

O filme se preestrenará este xoves nos cines Numax de Santiago de Compostela e, a partir do día seguinte, poderá verse tamén en salas comerciais das cidades da Coruña, Vigo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Lugo e Marín.

A estación violenta, que xa puido verse en festivais de Sevilla, Barcelona ou Bos Aires, está protagonizada polos actores Nerea Barros, Alberto Rolán, Xosé Barato, Antonio Durán "Morris", Xiana Arias e Laura Lamontagne.

A ópera prima de Anxos Fazáns, rodada integramente en galego, narra o reencontro entre tres amigos de mocidade nunha etapa complexa das súas vidas, dominada pola frustración e a ausencia dun futuro brillante.

Na presentación da película, que tivo lugar este mércores en Pontevedra -cidade que acolleu gran parte da súa rodaxe-, Fazáns celebrou que vaian coincidir dúas películas rodadas en galego na carteleira, algo que implica un "esforzo moi importante".

Un dos seus protagonistas, Alberto Rolán, destacou que esta película contribúe a pór "en valor" a cultura e o idioma galego fronte a "globalización" e o "pensamento único" cara ao que, dixo, parece camiñar a sociedade.

"Lonxe de ter complexo diso convérteo na súa bandeira", sinalou Rolán, que explicou que a rodaxe da película foi "moi intenso", algo que obrigou ao equipo a estar "involucrado ao máximo" na historia.

O actor Antonio Durán 'Morris' sinalou que o seu é un papel "pequeno" pero "moi importante" para a historia que narra a película e destacou a "mirada especial" que achega a directora "sobre o mundo que nos rodea".

Trátase, subliñou, dunha película que presenta unha historia "universal" co que público de todo o mundo pode verse identificado e faino, engadiu, "sobre a base da amizade, da frustración, da felicidade ou da nostalxia".

Comentarios