Falece o cantante francés Charles Aznavour aos 94 anos

O artista era o último gran representante da canción francesa

O cantante Charles Aznavour, o último gran representante da canción francesa, faleceu esta madrugada aos 94 anos de idade no seu domicilio de Alpilles, no sur de Francia, informaron este luns medios locais.

O intérprete de cancións populares como La Bohème, Je m'voyais déjà ou For me formidable, de orixe armenio, acababa de regresar dunha xira por Xapón. O pasado verán, unha caída provocoulle unha fractura dun brazo e obrigouno a anular varios concertos.

A súa reconocible voz propulsouno ao máis alto do panorama musical francés e internacional, cunhas 1.200 cancións rexistradas ao longo de máis de sete decenios de carreira, aínda que tamén se prodigou no cine, con papeis xunto a Jean Cocteau, François Truffaut ou Claude Chabrol.

A súa lenda, en calquera caso, estará sempre asociada á canción, aos títulos que converteu en clásicos no mundo enteiro e tamén aos que compuxo para outras grandes figuras, como Édith Piaf, Gilbert Bécaud, Serge Gainsbourg, Juliette Gréco, Maurice Chevalier ou Johnny Hallyday, falecido en decembro pasado.

Aznavour consideraba que só a morte o baixaría dos escenarios e, a pesar da súa idade avanzada, mantiña na súa axenda citas para os próximos meses, como un concerto en Bruxelas o próximo día 26, ou outros dous en París en novembro, seguidos dunha pequena xira por Francia.

Comentarios