Sete festivais de música agrúpanse un ano máis na marca 'Rías Baixas'

A Deputación promove estes eventos culturais de xeito conxunto como parte da "experiencia turística" de Pontevedra

Festival Revenidas de Vilaxoán durante una actuación de 'La Raíz' nunha edición anterior
photo_camera Festival Revenidas de Vilaxoán. DP

Sete festivais de música volvéronse agrupar, baixo o paraugas da Deputación de Pontevedra, na marca Festivais Rías Baixas creada para promover estes eventos culturais de xeito conxunto como parte da "experiencia turística" que ofrece a provincia de Pontevedra.

Os sete festivais, que se celebran entre os meses de xullo e agosto, permitirán ao público gozar da "mellor música nos mellores espazos e rodeados da mellor xente", segundo explicou na súa presentación a presidenta da Deputación, Carmela Silva.

Os Festivais Rías Baixas comezarán en Caldas de Reis os días 4, 5 e 6 de xullo con PortAmérica e continuarán con Vive Nigrán (19-20 de xullo), SinSal na illa de San Simón (25-28 de xullo), Atlantic Fest na Illa de Arousa (26-27 de xullo), Sorrías Baixas en Bueu (1-3 de agosto) e Revenidas en Vilagarcía e O Marisquiño en Vigo (9-11 de agosto).

Silva destacou que estes festivais ofrecen a "mellor cara" da provincia e mostran ao mundo o espazo "paradisíaco" no que se celebran e a gastronomía que os complementan. "Cando a xente chega aos nosos festivais vive un mundo de experiencias, de emocións e de sensacións que teñen como obxectivo final alcanzar a felicidade", engadiu a presidenta provincial.

A dirixente socialista celebrou que todos eles aposten por incluír numerosas actuacións de artistas e bandas lideradas por mulleres e que se comprometeron contra as violencias machistas e co medio ambiente, logrando que sexan eventos "seguros e respectuosos".

Os festivais promoveranse este ano coa lema de "Fame de festivais", que se embarca dentro da campaña de promoción turística "Fame de experiencias" elixida pola Deputación de Pontevedra para promocionar a provincia.

Comentarios