A Coordinadora de Normalización Lingüística rexeita o Premio Cultura 2015 que outorga A Xunta

Non queren "ser incoherentes" aceptando un galardón entregado por "un goberno que ignorou de modo persistente todas as demandas dos sectores máis comprometidos" co idioma, explican nun comunicado

A Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) rexeita o Premio da Cultura Galega 2015 na modalidade de Lingua por considerar unha "incongruencia" aceptar o galardón dun Goberno que actuou "en contra" do idioma galego.

Desde o consello directivo da CGENDL expresaron a súa "inmensa gratitude" por este recoñecemento ao seu traballo e por destacar a transcendencia social, cultural e pedagóxica da normalización lingüística, co fin de que o galego sexa un valor de futuro e "non unha peza arqueolóxica de museo".

"E isto implica, por suposto, unha actitude política consciente das dificultades que segue padecendo a cidadanía que desexa usar o galego sen escusas nin complexos. Unha actitude que fuxiu sempre do discurso anestésico do actual Goberno da Xunta con respecto ao idioma, pero tamén de sectarismos ideolóxicos estériles e improdutivos", engade o colectivo nun comunicado.

Deste xeito, a CGENDL renunciou a este premio porque non queren "ser incoherentes, aceptando un galardón que nos entrega un goberno que ignorou de modo persistente todas as demandas que os sectores máis comprometidos coa promoción do idioma levamos solicitando desde hai anos", e tamén por esta razón non acudirán a recollelo.

Estes premios, que a Xunta fixo públicos o pasado 22 de setembro,  recoñecen o traballo de persoas e institucións nos distintos ámbitos da creación, a conservación do patrimonio e a difusión da cultura galega.

Este ano, os distinguidos foron, ademais da CGENDL, a escritora Fina Casalderrey, o debuxante Miguelanxo Prado, a actriz María Bouzas, e o cineasta Ignacio Vilar, o Real Coro Toxos e Froles, a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial e a investigadora Kathleen Nora March.

Comentarios