jueves. 03.12.2020 |
El tiempo
jueves. 03.12.2020
El tiempo

Margarita Ledo retrata a loita obreira feminina en 'Nación'

Margarita Ledo. EFE
Margarita Ledo. EFE
A directora de Castro de Rei presenta un documental sobre as reivindicacións das traballadoras da fábrica de louza Santa Clara, que pechou en 2001

As antigas traballadoras da fábrica de cerámica Pontesa inspiraron á realizadora Margarita Ledo a filmar Nación, unha película na que decide "apagar a escuridade do silencio sobre as mulleres expulsadas do traballo industrial" conectando "pasado e presente" e "experimentación, documento e reflexión histórica". 

"Pontesa funcionou como unha escola de organización en todos os sentidos. Alí as traballadoras conseguiron sentirse cidadás, porque tiñan un salario e, polo tanto, tiñan dereitos", explica Margarita Ledo (Castro de Rei, Lugo, 1951) nunha entrevista con Efe, na que asegura que as traballadoras, a pesar de estar nun réxime case de explotación, recordan eses anos "con felicidade". "Eu traballo coa memoria, pero coa memoria tamén como parte da imaxinación. Cando recordamos ficcionamos e iso notábase moi ben nelas, tanto para un extremo como para outro", explica.

Cando en 2001 Pontesa pechou, non só o fixo unha das fábricas de louza máis importantes de Galicia, senón tamén un capítulo na vida de centos de traballadoras, que da noite para a mañá perderon parte da súa vida e volvéronse invisibles de cara á sociedade. O capitalismo feroz desposuíunas do seu traballo pero tamén enganounas durante moitos anos para non pagarlles o salario que merecían e que décadas despois as empregadas seguen reclamando ante a xustiza en forma de indemnización

Ledo fai un cine pequeno, de baixo orzamento e en galego, pois opina que "o dereito lingüistico é o mesmo para todas as linguas"

"Ao final estamos nas mesmas. É capitalismo máis salvaxe. Deixar unha rexión completamente desmantelada", afirma a realizadora, que non dubida en comparar a historia destas mulleres coas que viven agora centos de empregados da multinacional do aluminio Alcoa na comarca lucense da Mariña.

"A mobilización é necesaria, é esa performance no espazo público que che permite transferir esa inxustiza a toda a sociedade. En Alcoa participa toda a contorna, todos están implicados porque forma parte dese tecido social", explica Ledo, que considera que os sectores craves e "estratéxicos" como a enerxía ou a auga deberían ser "públicos". "Nin os recursos minerais nin a enerxía nin a auga poden estar en mans privadas. Non se pode consentir que África estea esnaquizada polo coltán ou que se de un golpe de estado en Bolivia polo litio", engade a directora.

"En Alcoa participa toda a contorna, todos están implicados porque forma parte dese tecido social"

Comprometida coas loitas sociais, o feminismo e a memoria, en Nación Ledo combina material de arquivo con testemuños reais e secuencias de ficción, unha engrenaxe no que a realizadora buscaba "a transferencia duns corpos a outros", das mulleres reais que traballaron na fábrica ás actrices que as representan dunha forma simbólica. "A parte máis escenificada acaba unificando, creando esa atmosfera case mitolóxica que configura o relato e permite coñecer como se produciu o desmantelamento da industria dos tres sectores máis representativos do traballo feminino, que foron a louza, o téxtil e a comida", explica.

Ás mulleres de Pontesa, que "ben poderían ser outras do sistema industrial", pecháronlles as portas do mercado laboral. Con todo, elas non dubidaron en loitar, manifestándose e incluso chegando a encerrarse na catedral de Santiago.

Autora de títulos como Santa Liberdade, Liste, pronunciado Líster ou A cicatriz branca, Ledo afirma que nos seus traballos "sempre inclúe unha parte máis subxectiva", unha proposta creativa "próxima á experimentación", xunto ao documento e a reflexión histórica", o que fai que ao final nas súas películas se engarcen materiais de moi distinto tipo. Xa sexa un arquivo oficial ou persoal, de baixa resolución ou sofisticado, para Ledo debe poder "entenderse" e "relacionarse" co resto da película, cos testemuños e coas secuencias de ficción, porque para ela o cine, igual que o mundo, representa "moitas capas de tempos diferentes".

"Traballo coa memoria, pero coa memoria tamén como parte da imaxinación. Cando recordamos ficcionamos"

"A parte documental, a parte de diferentes tempos e a parte máis escenificada ou a que simplemente é rexistro, vanse relacionando como se relacionan as cousas na vida", sinala.  Ademais, como demostra en Nación, a Ledo interésalle moito relacionar "o persoal co colectivo" e entender que non fala "en nome das mulleres", senón "como muller".

Como catedrática de Comunicación, a directora entende que é fundamental saber "desde onde se fala", a posición que cada un toma ao falar. Por iso ela fai un cine "pequeno", de baixo "orzamento" e en galego, pois opina que "o dereito lingüístico é o mesmo para todas as linguas".

A realizadora opina o cine é un elemento que configura moito as sociedades porque "reúne moitos elementos dunha cultura" e "pode transmitir argumentos moi fortes ou posicións claves e entrar en debate nunha sociedade", polo que defende o seu lado pedagóxico e considera fundamental "a alfabetización cinematográfica". Quizá por iso tamén lle faga especial ilusión recibir o premio Cineuropa, que recolle este mércores en Santiago de Compostela, e que para ela supón "recoñecemento e visibilidade" ao seu traballo. 

Ledo, que ademais obtivo recentemente un premio especial no Festival de Sevilla, celebra que a pesar da pandemia "continúen os festivais abertos como lugares de encontro" e espera que os expertos utilicen a razón e non automaticen todo, xa que para ela quedou demostrado que ninguén se contaxia nunha sala de cine.

Margarita Ledo retrata a loita obreira feminina en 'Nación'
comentarios