A ceramista Paula Pereira, natural de Arcade, é a encargada de deseñar o novo trofeo, que substituirá nesta vixésima terceira edición as tradicionais xerras de Sargadelos.
A xunta directiva anunciou o pasado mes de decembro a súa intención de prescindir das tradicionais figuras co rostro de María Casares asinadas por Sargadelos debido as "decisións empresarias e as declaracións ao respecto da acción sindical" da actual dirección do grupo.
Deste xeito, iníciase unha nova etapa nos Premios María Casares, que neste 2019 celebrarán a súa gala de entrega o vindeiro xoves 21 de febreiro no Teatro Rosalía Castro da Coruña.
Paula Pereira foi a escollida pola Xunta Directiva da AAAG "tras consultar a diversos creadores e meditar sobre as diferentes propostas" que lle chegaron á asociación.
A artista ofrece no novo trofeo unha interpretación da faciana de María Casares, na que a construción da peza parte dun achegamento artístico á súa mirada para crear unha suxestiva figura, na que destacan as cores azuis no esmaltado.