Mercedes Milá volve á tele para relatar o seu "renacer" en 'Scott e Milá'

A xornalista reincorpórase tras a súa depresión cun programa íntimo, persoal e "moi diferente" a todo o feito por ela antes

Mercedes Milá. TWITTER
photo_camera Mercedes Milá. TWITTER

Mercedes Milá reincorpórase á televisión o vindeiro xoves 28 con Scott e Milá, un programa íntimo, persoal e "moi diferente" a todo o feito por ela antes, onde a xornalista se apoia no seu can para espirse "por dentro e por fóra" tras o parón necesario para recuperar a saúde. "Afeita á tolemia dunha produción inmensa como foi Gran Hermano, onde tiven un desgaste do meu cerebro moi profundo e unha tensión que me fixo saber o que é a hiel da depresión e do pranto, creo que renacín", confesou a xornalista que titula así, precisamente, o primeiro capítulo da serie, Renacer.

"Cumpro anos e sigo facendo tele, que vai tan unido a min", dixo Milá nunha rolda de prensa que reuniu en Madrid a máis de medio centenar de xornalistas, ante os que recoñeceu que, esta vez, tardara en volver "máis da conta". Pero cunha decisión moi meditada: logo de refugar varias ofertas, dixo, foi a súa amiga María Ruiz, directora da produtora Zanskar, quen lle aconsellou #0 de Movistar+.

Milá explicou que vira os programas de Jesús Calleja e de Raúl Gómez, "o detalle tan exquisito que teñen" e pensou que quería algo así: "Apetecíame un proxecto máis tranquilo, que fose gravado, podelo editar moi ben...".
"Foi unha sorte e un marronazo que Mercedes aceptase porque todo o mundo está sempre moi pendente do que fai", achega na mesma rolda de prensa María Ruiz, quen explica que en Scott e Milá a presentadora "queda sen parapetos, no centro dos temas para que o espectador conecte directamente coa emoción".

Comentarios