Morre aos 75 anos Rutger Hauer, o replicante rebelde de 'Blade Runner'

As súas bágoas na choiva emocionaron xeracións nun dos monólogos máis célebres da historia do cine
Rutger Hauer en 'Blade Runner'. EP
photo_camera Rutger Hauer en 'Blade Runner'. EP

O actor holandés Rutger Hauer, soado polo seu papel do replicante rebelde Roy Batty en Blade Runner, morreu aos 75 anos tras unha breve enfermidade. O seu axente, Steve Kenis, informou este mércores do falecemento, que ocorreu o pasado día 19, aínda que a familia decidiu non facelo público ata celebrar o seu funeral en Holanda. As bágoas na choiva de Hauer emocionaron varias xeracións que agora, coa súa morte, recordan o replicante máis humano dunha historia que se desenvolvía precisamente no ano 2019 que agora lle di adeus.

"Eu vin cousas que vós non creriades. Atacar naves en chamas máis aló de Orión. Vin raios-C brillar na escuridade preto da Porta de Tannhäuser. Todos eses momentos perderanse no tempo, como bágoas na choiva. É hora de morrer". Unhas poucas frases escritas por un dos guionistas do filme, David Webb Peoples, adaptadas polo propio Hauer, que ademais engadiu a famosa referencia ás bágoas na choiva, que reflectían o seu rostro cando se enfrontaba á morte.

É o monólogo co que Roy Batty se despide, tras salvar ao cazador de replicantes Rick Deckard (Harrison Ford), nunha peza de culto da ciencia ficción dirixida por Ridley Scott e estreada en 1982, que marcou un punto e á parte no xénero e estableceu as pautas que se copiarían despois ata a saciedade. Aínda que non era o protagonista, Hauer dotou o seu personaxe dunha enorme humanidade e dunha sensibilidade entendida á perfección polos espectadores.

Rutger Hauer. EFE
O actor holandés Rutger Hauer en 2014. EFE

Poucos sabían que Hauer xa era un actor moi coñecido na súa Holanda natal, onde protagonizara varias películas dun dos directores máis coñecidos do país, Paul Verhoeven. Delicias turcas (1973), Erik, oficial da raíña (1977) ou a serie televisiva Floris (1969) foron algunhas das colaboracións de Hauer con Verhoeven.

Eran os primeiros anos da carreira deste actor nacido en Trecht o 23 de xaneiro de 1944, que ingresou na Armada holandesa, fixo os seus primeiros pasos como poeta e acabou seguindo os dos seus pais, actores teatrais. Destacou rapidamente na televisión e o cine holandés, pero a fama chegoulle co seu salto a Hollywood.

Foi primeiro enfrontándose a Silvester Stallone en Falcóns da noite (Nighthawks, 1981) e logo cando entrou a formar parte dos replicantes aos que debía dar caza Harrison Ford. Xunto a Daryl Hannah, Brion James e Joanna Cassidy, Hauer formou o cuarteto de replicantes que trataba de chegar a ser humanos para non ser destruídos cando a súa vida como máquinas chegase á súa fin.

Ese papel deulle un éxito mundial pero efémero, que se mantivo ata a súa seguinte interpretación máis recordada, a do cabaleiro Etienne Navarre na fábula romántica de Lady Falcón (Ladyhawk, 1985). Hauer compartiu protagonismo cunha moza Michelle Pfeiffer e un case adolescente Matthew Broderick nesta película de Richard Donner que tamén se converteu nun título de culto, aínda que lonxe do nivel alcanzado por Blade Runner.

Aínda tería papeis destacados en películas como Os señores do aceiro (Flesh+Blood, 1985), de novo ás ordes de Verhoeven, ou Estrada ao inferno (The Hitcher, 1986), pero a partir dese momento os seus traballos tiveron menos repercusión.

Alternou cine e televisión, colaborou con George Clooney —como director— en Confesións dunha mente perigosa (Confessions of a Dangerous Mind, 2002) e hai apenas uns meses víuselle nun papel secundario no wéstern de Jacques Audiard Os irmáns Sisters (The Brother Sisters, 2018).

Na súa filmografía tamén figuran Clave: Omega (1983), Sin City (2005), Batman Begins (2005) ou Valerian e a cidade dos mil planetas (2017).

Con poucos recoñecementos en forma de premios —gañou un Globo de Ouro como actor secundario de televisión por Escape from Sobibor (1987)—, o seu principal logro foi meterse nas mentes de toda unha xeración de cinéfilos que seguirán recordando as súas bágoas e a súa humanidade.

Comentarios