Morre Joao Gilberto, o pai da bossa nova

Un dos seus fillos confirmou a noticia nas redes sociais

Joao Gilberto. TWITTER
photo_camera Joao Gilberto. TWITTER

O compositor brasileiro Joao Gilberto, considerado como un dos pais da bossa nova, faleceu este sábado na súa casa de Río de Janeiro, segundo confirmou un dos seus fillos en redes sociais.

Joao Gilberto, o inventor dos revolucionarios acordes que converteron á Bossa Nova nun ritmo único e admirado en todo o mundo, morreu aos 88 anos de idade por causas que aínda non foron reveladas. "O meu pai morreu. A súa loita foi nobre, intentou manter a súa dignidade ao perder a súa soberanía", afirmou o seu fillo Marcelo, quen vive en Estados Unidos, a través de Facebok.

Os últimos anos da vida de Joao Gilberto estiveron marcados por unha dura disputa familiar despois de que a súa filla Bebel Gilberto, tamén cantante, lle retirara xudicialmente os poderes ao alegar que se atopaba nunha idade avanzada. Acumulaba débedas e en 2018 viuse obrigado a abandonar o seu apartamento no barrio Leblon, unha zona nobre situada na zona sur de Río de Janeiro.

Procedente de Juzaeiro, no estado de Bahía (nordeste), o cantante e guitarrista trasladou a bossa nova ao mundo co seu álbum Chega de saudade (1959), aos que lle seguiron O amor, o sorriso e a flor (1960) e João Gilberto (1961), entre outros.

Con Brasil como punto de partida, proseguiu coas súas creacións ao longo da súa vida e na década dos 70 gravou en Estados Unidos o seu álbum Amoroso coa discográfica Warner Music. As súas primeiras producións foron obxecto dunha disputa xudicial contra a discográfica Universal Music e este ano o compositor venceu a batalla.

O tribunal de Río de Janeiro emitiu unha sentenza favorable ao cantante e determinou que Universal devolvese ao guitarrista os royalties pola venda de discos que lle debía desde 1964 ademais de danos morais.

Comentarios