Oubiña presenta unha demanda de conciliación porque lle chamaron "narcotraficante" en televisión

A solicitude foi presentada contra a presentadora do espazo 'Espejo Público', Susanna Griso ► O contrabandista argumenta que xa cumpriu as súas condenas

Laureano Oubiña. AEP
photo_camera Laureano Oubiña. AEP

O contrabandista Laureano Oubiña, en liberdade condicional tras máis de vinte anos de prisión por narcotráfico e branqueo de capitais, solicitou un acto de conciliación contra unha presentadora dun programa de televisión por chamarlle "narcotraficante", segundo afirmou este mércores o seu avogado, Manuel Álvarez de Mon.

A solicitude foi sometida este martes no xulgado de Alcobendas, Madrid, contra a presentadora do espazo Espejo Público, Susanna Griso, da canle Antena 3, por lle charmar "narcotraficante galego" o pasado 15 de marzo no seu programa.

A petición indica que Oubiña cumpriu as súas condenas "por delito contra a saúde pública por razón de sustancias que non causan grave dano á saúde" e "ningunha condena relacionada con sustancias graves", polo que "en todo caso sería ex narcotraficante".

Así mesmo reclama á presentadora unha indemnización dun euro que, en caso de obtela, será doada á Fundación San Francisco de Ásís de reinserción e rehabilitación social de Colmenar Viejo.

Segundo o letrado, cualificalo de narcotraficante "galego" suporía un "flagrante atentado á súa honra", xa que ademais das penas de privación de liberdade, implica un "linchamento social".

O avogado de Oubiña precisa que o citado programa de televisión tivo unha audiencia de 21% de cota de mercado cunha media de 717.000 espectadores.

FARIÑA. Oubiña presentou outra demanda de conciliación contra Bambú Producións e Antena 3 por unha escena de sexo emitida na serie de televisión Fariña e reclama un millón e medio de euros de indemnización que tamén expón doar á Fundación San Francisco de Agarrades. A escena, protagonizada por actores que representan a el e á súa esposa, Esther Lago, falecida en 2001 nun accidente de tráfico, supón un "dano moral" para o contrabandista galego, segundo o avogado de Oubiña.

Comentarios