Redrum Teatro está xa a ensaiar o que será o seu novo espectáculo: O mozo da última da fila. Dirixida por Alex Sampayo, a montaxe converterase na primeira adaptación ao galego do prestixioso dramaturgo Juan Mayorga que, a través desta mordaz obra que a compañía estreará en Santiago os días 16 e 17 de abril, nos presenta unha fonda reflexión cargada de ironía sobre a fascinación polas vidas alleas, a manipulación dos seres queridos e a lexitimidade de toda creación artística que emprega como materia prima a realidade que nos envolve.
Trátase da primeira adaptación ao galego dun texto do prestixioso dramaturgo Juan Mayorga
Nese difuso límite entre ficción e realidade móvese O mozo da última fila, peza que xira ao redor dun profesor de literatura e un alumno, interpretados respectivamente por Roberto Leal e Guillermo Carbajo, que se enlean con complicidade nun atípico tour de force literaria que acaba por derivar nunha sorte de xogo psicolóxico que afectará as súas contornas persoais. Xunto a Carbajo e Leal, subirán a escena Mónica García, Machi Salgado, Belén Constenla e Rubén Porto. Este equipo artístico, ao que toca sumarlle a Davide González no espazo sonoro, María Illobre na caracterización e Jose M. Faro Coti na escenografía, atópase ensaiando nunha residencia artística de tres semanas no Auditorio do Concello de Rianxo de cara á súa estrea, que terá lugar no Teatro Principal de Santiago os dias 16 e 17 de abril. Tras estras dúas funcións, das que xa se poden mercar as entradas en www.compostelacultura.gal, O mozo da última fila continuará a súa xira no Pazo da Cultura de Narón o 25 de abril e no Salón Teatro de Lalín, o 15 de maio. Redrum, ademais de dispor da inestimable colaboración do Concello de Rianxo, conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a través das liñas de axuda á creación escénica.
A montaxe, dirixida e adaptada polo lalinense Alex Sampayo, está protagonizada por Guillermo Carbajo, Roberto Leal, Belén Constenla, Mónica García, Rubén Porto e Machi Salgado.
ENTRE A LITERATURA E A VIDA. O dramaturgo Juan Mayorga, académico da Real Academia Española e Premio Nacional de Teatro, tamén afonda en O mozo da última fila noutra serie de aspectos que serven de pano de fondo. Así, o autor fálanos do mundo educativo, da alienación cultural ou da clase media a través da historia de Xermán, un veterano e desmoralizado profesor de instituto que a principio de curso, pídelle ao seu alumnado que escriba unha redacción sobre a súa fin de semana.
De todos os traballos, chámalle a atención a calidade do texto de Claudio, estudante introvertido que non participa nin destaca, nin por arriba nin por abaixo. Na súa redacción, Claudio xoga coa ficción e a realidade a través da observación da familia dun compañeiro. Así comeza un relato por entregas entre alumno e profesor que acaba convertido nun xogo perigoso, tanto para eles coma para quen os rodea.
Tras a súa estrea, 'O mozo da última' fila xirará por Lalín e Narón