Robert Redford deixa a interpretación

O actor deixa a porta aberta a seguir dirixindo películas

Robert Redford. EP
photo_camera Robert Redford. EP

Robert Redford confirmou este luns nunha entrevista con Entertainment Weekly que abandonará a actuación, tal e como anunciou hai dous anos, pero deixou a porta aberta a seguir dirixindo películas. "Nunca digas nunca, pero concluín que isto é o fin para min en canto a actuación e que me vou xubilar despois disto (a película The Old Man & the Gun) porque estiven facendo isto desde que tiña 21 anos", dixo.

Lenda de Hollywood diante e detrás das cámaras, Redford asegurou en novembro de 2016 que se retiraría da interpretación tras participar en dúas películas máis: Our Souls at Night, que se estreou en 2017 en Netflix; e The Old Man & the Gun, que chegará aos cines de EE.UU. o próximo 28 de setembro.

"Pensei: 'É suficiente. ¿E por que non irme con algo que é moi optimista e positivo?'", dixo Redford en referencia ao ton da película The Old Man & the Gun, do director David Lowery e en cuxo elenco aparecen tamén Sissy Spacek e Casey Affleck.

No entanto, Redford, que cumprirá 82 anos o próximo 18 de agosto, deixou a porta aberta a seguir dirixindo longametraxes. "Xa veremos sobre iso", indicou Redford, cuxa última cinta como realizador é The Company You Keep (2012).

Redford alcanzou a fama como actor grazas a películas como Butch Cassidy and the Sundance Kid (1969), The Sting (1973) e The Way We Were (1973), que o converteron ademais nun dos galáns máis desexados de Hollywood, e posteriormente participou noutros recordados filmes como All the President's Men (1976) e Out of Africa (1985).

Ademais, saltou á dirección con Ordinary People (1980) e cultivou máis aplausos como realizador polo seu labor nas cintas Quiz Show (1994), The Horse Whisperer (1998) e Lions for Lambs (2007). Promotor do cine independente a través do Instituto Sundance, Redford gañou o Óscar ao mellor director por Ordinary People e tamén recibiu unha figura honorífica da Academia de Hollywood en 2002.

Comentarios