O Son do Camiño esgota os 25.000 abonos nunha hora

Principales grupos en O Son do Camiño.EP
photo_camera Principais grupos no Son do Camiño.EP

A segunda edición do Son do Camiño, que terá lugar os próximos 13, 14 e 15 de xuño no Monte do Gozo de Santiago, volveu a bater marcas na venda de entradas de festivais en toda España. 

Ás 12,00 horas deste mércores abriuse a venda dos abonos a un prezo especial de lanzamento de 49 euros, oferta que apenas durou un minuto. "O interese do público de toda España foi masivo e fixo que os 25.000 abonos dispoñibles se esgotaran nunha hora", destacan os organizadores. 

"Sentímolo pola xente que non chegou a tempo a comprar as súas entradas: a demanda foi, un ano máis, moi superior ao aforamento á venda", sinalan a través dun comunicado de prensa. 

Recordan, ademais, que "só as entradas adquiridas a través das canles oficiais son válidas e darán, xa que logo, acceso ao festival". "O Son do Camiño sitúase rotundamente en contra da reventa e insiste en que as entradas adquiridas en webs de mercado secundario (reventa) poden non ser válidas, estar duplicadas...", apunta. 

O festival anunciará a súa programación por días e porá as entradas para cada un deles á venda proximamente. 

Comentarios