Jota, Kiko Veleno e Noni Meyers retiran a súa candidatura á SGAE por "desconformidade"

Nun comunicado, aseguran que non recoñecerán "a validez" da convocatoria nin aceptarán os resultados da mesma

Jota, de Los Planetas. DP
photo_camera Xota, dos Planetas. DP

Autores como Jota (Los Planetas), Kiko Veleno ou Noni Meyers anunciaron que retiran a súa candidatura ao proceso electoral da SGAE por "desconformidade" coa convocatoria de eleccións, debido ás "sucesivas irregularidades" do presidente da entidade, José Miguel Fernández Sastrón, e parte da súa xunta directiva. 

Nun comunicado, engadiron que non recoñecerán "a validez" da convocatoria nin aceptarán os resultados da mesma. Os candidatos que anunciaron esta renuncia, ademais dos tres citados, son Álvaro Urquijo, Amaro Ferreiro, Bernardo Fuster, Consuelo Díez, Francisco Nixon, Jorge Ilegales, José Mª Guzmán, Luís Carlos Esteban, Luís Martín 'Ronaldos', Patacho, Rosa León e Sole Giménez. 

"Ante o continuado incumprimento das súas obrigacións por parte da SGAE e as sucesivas irregularidades cometidas por Sastrón e 'os seus' órganos de goberno e nun acto de coherencia cos pasos que fomos dando, manifestamos a nosa desconformidade coa convocatoria das eleccións", explicaron, tras anunciar a retirada das súas candidaturas. 

Estes autores invitaron" a todos os candidatos a sumarse a esta iniciativa e retirar as súas candidaturas, ademais de instar os socios a que "non voten a ninguén e non lexitimen unhas eleccións que non deberían celebrarse". 

Tamén pediron ao Ministerio de Cultura e Deporte "actuar con firmeza ante o continuado incumprimento da lei" por parte da SGAE. "Animámoslle a defender os nosos dereitos e a exercer a facultade de control e tutela que a lei lle atribúe sobre as entidades de xestión, procedendo á remoción dos órganos de goberno e representación de SGAE e á súa intervención temporal", engadiron. 

Esta intervención serviría de paso "previo" a unha convocatoria de eleccións que "cumpra cos requisitos legais e garanta o dereito do voto electrónico". Para rematar, alertaron de que se a fin de ano non se emendaron ou están en vías de solución "estas graves irregularidades", recomendarán a todos os socios da SGAE retirar o repertorio de SGAE de xeito colectivo. 

Este xoves dará comezo a campaña electoral da entidade, cuxos comicios terán lugar o 26 de outubro. O exdirectivo da SGAE Teddy Bautista é un dos nomes máis destacados de entre os 104 candidatos proclamados pola Comisión Electoral da SGAE a membros da súa xunta directiva. 

Comentarios