Ana Peleteiro, á final de triplo dun só salto

A triplista de Ribeira voou ata os 14,27 metros.

Ana Peleteiro. GERRY PENNY (EFE)
photo_camera Ana Peleteiro. GERRY PENNY (EFE)

Ana Peleteiro, campioa de España e medallista de bronce mundial de triplo salto, clasificouse para a final dos campionatos de Europa ao conseguir a marca esixida (14,05) no seu primeiro salto, de 14,27 metros. Para unha atleta como Peleteiro, que saltou este ano 14,55, a marca requirida non ofrecía unha gran dificultade, pero si para as outras dúas españolas, Patricia Sarrapio, que chega con 14,08, e para María Vicente, de 17 anos, cuxo mellor rexistro é de 13,95.

A saltadora de Ribeira prometeu "pelexar coas mellores" no estadio Olímpico de Berlín, e resolveu o primeiro compromiso con suma facilidade, a pesar de que a rolda de cualificación de triplo estivo interrompida durante un cuarto de hora por un problema no foso.

Peleteiro, medallista de bronce este ano nos Mundiais en pista cuberta de Birmingham, dixo antes de competir que viña a Berlín co modesto obxectivo de mellorar a súa marca, "aínda que sexa un só centímetro". "Se o consigo, estarei contenta porque daría o mellor de min, aínda que veño a pelexar coas mellores. Levo un par de semanas adestrando entre algodóns porque o corpo está a lume de biqueira, escoitando ao meu adestrador (o cubano Iván Pedroso) e mentalizándome", afirmou na rolda de prensa do equipo español.

Peleteiro baixou de peso desde que está con Pedroso. "Cando empecei con el pesaba 60 quilos, nos Mundiais do ano pasado 59 e aquí vingo con 57 e medio. Esforceime en estar lixeira de peso, coidando moito a alimentación", explicou.

O venres, ás 20.07 horas, Ana Peleteiro loitará por conseguir unha nova medalla internacional. 

Comentarios