O avogado da familia de 'Jimmy' ve "inverosímil" o arquivo da instrución

Recorda que "hai unha testemuña que non forma parte" da afección do Deportivo que identificou os agresores

Jimmy.AEP
photo_camera Jimmy.AEP

O avogado da familia do incha do Deportivo Francisco Javier Romero 'Jimmy', que faleceu nunha liorta con ultras de Frente Atlético en novembro de 2014, considera "inverosímil" a decisión do Xulgado de Instrución número 20 de Madrid de pechar sen culpables a instrución do sumario.

O citado Xulgado considerou que non hai indicios de criminalidade contra ningunha persoa, segundo o auto, polo que acorda "declarar concluído este sumario sen procesamiento" que remitirá á Audiencia Provincial de Madrid para que se pronuncie sobre se arquiva este procedemento.

O avogado da familia de Jimmy, Erlantz Ibarrondo, dixo en declaracións a Efe que recibiu a noticia con "estupefacción" porque "hai unha testemuña que non forma parte" da afección do Deportivo "que di con nome e apelido as persoas" que presuntamente mataron a Jimmy o 30 de novembro de 2014.

Engadiu que o feito de que "iso non sexa un indicio suficiente para ir a xuízo e que se converta en proba é inverosímil".

"O xuíz instrutor ten que determinar se hai indicios ou non. Hai dous indicios, a testemuña e a identificación que fan os policías. Con eses indicios a única opción do instrutor é abrir xuízo e logo o juzgador terá que determinar se eses indicios son proba ou non", apuntou.

Considerou que "privar á familia dun xuízo cun testemuño dunha persoa que di quen son os asasinos con nomes e apelidos é moi difícil de entender".

O avogado confirmou que presentou un incidente de nulidade ante o Xulgado de Madrid encargado do caso, porque non se lle concedeu a súa solicitude de que declarasen as tres persoas identificadas pola testemuña como supostas autoras da morte de Jimmy.

Esa solicitude da acusación foi rexeitada, segundo o letrado, o día antes de que se ditase o auto co que o xuíz decidía pechar o sumario.

"Quedámonos sen unha proba que para nós era moi importante, que declarasen as persoas que foron sinaladas pola testemuña. Pechouse o sumario sen darnos a oportunidade ás partes acusadoras de preguntarlles", lamentou.

"É un pouco desolador; estamos pleiteando sos contra vento e marea", sostivo o letrado.

A decisión do xuíz non é recurrible e a Audiencia de Madrid debe determinar agora se a súa decisión de pechar o caso é correcta ou se pide algunha dilixencia máis, explicou o avogado.

Comentarios