Detido en Francia o expresidente da Uefa Michel Platini

A policía investiga corrupción na concesión do Mundial de fútbol de 2022 en Catar

Michel Platini. EFE
photo_camera Michel Platini. EFE

O exfutbolista francés e expresidente da Uefa Michel Platini foi detido este martes dentro da investigación que se segue por corrupción na concesión do Mundial de fútbol de 2022 a Catar, confirmaron a Efe fontes xudiciais.

Platini atópase baixo custodia policial desde as 09.30 hora local (07.30 GMT) nos locais da Oficina anticorrupción da Policía Xudicial en Nanterre, xunto a París.

Platini, que foi presidente da Uefa de 2007 a 2015, cumpre unha inhabilitación de catro anos -que expira en outubro- por violar o código ético da organización ao aceptar en 2011 un cobro, autorizado polo entón presidente da Fifa, Joseph Blatter, de preto de 1,8 millóns de euros por traballos feitos entre 1998 e 2002.

Ademais de quen fose a estrela da selección francesa foi detida unha antiga conselleira do expresidente francés Nicolas Sarkozy, Sophie Dion, mentres que o exsecretario xeral do Palacio do Elíseo Claude Guéant prestou declaración baixo o status de sospeitoso "libre", segundo o diario Le Monde.

En 2016, a Fiscalía Nacional Financeira abriu unha investigación por suposta corrupción na atribución do Mundial 2022 a Catar, pola que o propio Platini xa declarou como testemuña en decembro de 2017.

A investigación céntrase na reunión que mantiveron en novembro de 2010 as autoridades cataríes con Sarkozy e Platini no Palacio do Elíseo, á que tamén asistiron Guéant e Dion.

Comentarios