Un problema nos marcadores obriga a suspender o Breogán-Joventut

O partido debía arrincar ás 17.00 pero foise atrasando ata que 40 minutos despois se anunciou por megafonía o adiamento

La mesa del Pazo. J.VÁZQUEZ
photo_camera A mesa do Pazo. J.VÁZQUEZ

Os afeccionados do Breogán quedaron este domingo coas ganas de volver gozar da ACB. O partido ante o Joventut tivo que ser suspendido por problemas co marcador e os reloxos de posesión do Pazo. 

O regreso á máxima competición, que debía producirse ás 17.00 horas, estivo a pender dun fío durante uns 40 minutos ata que pola megafonía do pavillón anunciouse, entre apupos do público, que o partido non se podía disputar. 

As bancadas despediron aos xogadores con aplausos. E é que o templo celeste presentaba un ambiente insuperable, cunha afección que tivo que facer incluso cola para acceder ao pavillón e que, unha vez dentro, se desgañitaba para animar aos seus. Iso, ata o xerro de auga fría que supuxo o adiamento dun encontro que se antollaba histórico para a parroquia breoganista.

Foto ACB

En pretemporada non houbo fallos
A tecnoloxía que funcionara no último amigable da pretemporada, ante o Montakit Fuenlabrada, fallou no primeiro partido oficial da tempada, que tiña que comezar ás 17.00 horas.

Primeiro foron os videomarcadores e, posteriormente, os reloxos de posesión os que fallaron e impediron que o Breogán volvese xogar un partido da liga Endesa doce anos despois.

Os videomarcadores restablecéronse cun cuarto de hora de atraso, cos dous equipos quentando na pista, pero os problemas técnicos non acabaron de solucionarse.

Corenta minutos logo da hora á que tiña que comezar o partido, pola megafonía do Pazo pediuse desculpas aos afeccionados antes de anunciar a suspensión do partido sine die.

Os 4.500 afeccionados que estaban na bancada protestaron con asubíos a suspensión do partido, pero abandonaron o pavillón ao berro de "Breogán, Breogán".

Os seguidores lucenses quedaron coas ganas de volver gozar da Liga Endesa tras doce anos de ausencia, desde o descenso que sufriu o Cafés Candelas Breogán en 2006

Pasaron 4.523 días desde o último partido do conxunto lucense, entón co nome de Leche Río, na máxima categoría do baloncesto español, un pouco máis aínda, 4.530, na cidade galega, que non acollía partidos da ACB desde o 7 de maio de 2006.

Comentarios