Hugo Mallo ve posible ir á selección con Luís Enrique

O capitán do Celta cre que o seu equipo ten marxe de mellora en 2019

Hugo Mallo durante un partido. RODRIGO JIMÉNEZ (EFE)
photo_camera Hugo Mallo durante un partido. RODRIGO JIMÉNEZ (EFE)

O capitán do Celta de Vigo, Hugo Mallo, considera que o 2018 foi un ano "bastante mellorable" no deportivo, marcado pola inestabilidade no banco de Balaídos tras a saída de Eduardo Berizzo, o técnico que levou ao equipo vigués a disputar a súa primeira semifinal da Europa League.

"Sabemos que o equipo puido render máis. Foise o Toto logo dese gran ano que tivemos na UEFA, veu Unzué e custounos un pouco durante toda a pasada Liga. No verán veu un adestrador novo -Mohamed-, non empezamos do todo ben e outra vez un cambio de adestrador. Agora parece que os cimentos están ben postos", comentou Mallo.

Nunha entrevista coa Axencia Efe, o lateral dereito apuntou que a chegada do portugués Miguel Cardoso, quen a principios de novembro relevou a Antonio Mohamed como adestrador celeste, foi "positiva" para o vestiario porque o estilo de xogo que busca adáptase" ás características dos xogadores.

"Queremos que o 2019 sexa un bo ano, que os nosos afeccionados gocen co equipo. O noso obxectivo segue sendo clasificarnos para unha competición europea. Sabemos que é complicado porque hai moitos equipos na pelexa pero temos que crernos que podemos conseguilo", declarou.

O capitán é o futbolista do persoal que máis minutos xogou ao longo do 2018 entre Liga e Copa do Rei, cun total de 3.203 minutos, superando a Iago Aspas (3.179) e Maxi Gómez (3.130).

Números que espera que lle axuden a cumprir o seu soño de debutar coa selección absoluta ao longo do próximo ano: "Sei da dificultade que supón porque no meu posto hai moi bos xogadores, pero levo tempo buscándoo e é algo que vexo posible porque Luís Enrique non se fixa en que equipo xogas, fíxase no rendemento que estás a dar".

Comentarios