María José Rienda substitúe no Consejo Superior de Deportes a Lete Lasa

En caso de confirmarse o cargo, sería a primeira muller que ocupe a presidencia do CSD

María José Rienda. BALLESTEROS (EFE)
photo_camera María José Renda. BALLESTEROS (EFE)

María José Rienda, Directora Xeral de Actividades e Promoción do Deporte da Junta de Andalucía, pode converterse a partir deste venres na primeira muller que ocupe o cargo de presidenta do Consejo Superior de Deportes (CSD), con rango de Secretaria de Estado para o Deporte, segundo puido saber Efe de fontes próximas ao CSD. Substituiría no posto ao galego José Ramón Lete Lasa.

O Consello de Ministros, en principio, ten a intención de anunciar o nomeamento de Rienda, esquiadora nacida en Granada e que se retirou da competición en 2011. O Ministerio de Cultura e Deporte non anunciou aínda este xoves de forma oficial a designación.

Esquiadora de éxito, ademais de ser unha habitual na Copa do Mundo, Rienda disputou cinco Xogos Olímpicos de Inverno: Lillehammer 1994, Nagano 1998, Salt Lake City 2002, Turín 2006 e Vancouver 2010. Nos Xogos de 2002 foi sexta na proba de xigante, a súa grande especialidade, e en 2006 cando ía de favorita ao podio non tivo o seu día e perdeu a clara opción de medalla olímpica.

Unha grave lesión de xeonllo en Aspen en 2008 cortoulle a súa traxectoria deportiva e finalmente abandonou o deporte profesional en 2011 despois dun longo proceso de rehabilitación. Rienda é a esquiadora española con máis vitorias -seis- na historia da Copa do Mundo de esquí alpino.

Comentarios