O Mónaco destitúe ao adestrador Thierry Henry

O técnico francés chegou ao cargo hai tan só tres meses e medio

Thierry Henry. EP
photo_camera Thierry Henry. EP

O Mónaco anunciou este xoves que destituíu ao francés Thierry Henry do seu posto de adestrador, apenas tres meses e medio despois da súa chegada ao cargo e confiou o club de forma interina ao seu adxunto, Franck Passi.

"O AS Mónaco anuncia que decidiu suspender das súas funcións de adestrador do primeiro equipo a Thierry Henry desde este día e á espera dunha decisión definitiva. Franck Passi encargarase do adestramento do grupo profesional este venres", indicou nun conciso comunicado.

Henry, de 41 anos, chegou ao equipo a mediados do pasado outubro en substitución do portugués Leonardo Jardim, que foi despedido tras o refacho de malos resultados e unha única vitoria no que levaba de tempada.

O exinternacional francés, campión do Mundo en 1998, volvía con ese contrato a un club co que foi campión de Francia en 1997 e no que se formou e deuse a coñecer entre 1993 e 1999, cun total de 141 partidos, 28 goles.

Con todo, o técnico non conseguiu reverter a tendencia á baixa do conxunto do Principado, que hai pouco máis de ano e medio levantaba o seu oitavo título de Liga francesa e era semifinalista da liga de Campións e actualmente ocupa o penúltimo posto da primeira división gala.

Comentarios