Pinchi comunica ao Deportivo que non continuará no club

O canteirán do conxunto coruñés rexeitou as ofertas de renovación

Pinchi. INTERNET
photo_camera Pinchi. INTERNET

O canteirán do RC Deportivo Óscar Pinchi comunicou este mércores ao conxunto coruñés que non ampliará a súa relación contractual e que, en consecuencia, a partir do próximo sábado quedará desvinculado da entidade branquiazul. O centrocampista ofensivo, un dos referentes da canteira do Deportivo, rexeitou as ofertas de renovación recibidas polo club galego.

Pinchi tivo o verán pasado unha oferta do Sevilla para formar parte do seu filial e confirmou nas redes sociais que este mércores trasladou a súa decisión ao club. “Comuniquei ao meu club, o Deportivo, que os nosos camiños se separarán a partir da tempada que está a piques de empezar. Antes de iniciar esta nova aventura profesional quero pechar a que, polo momento, foi a etapa deportiva e persoal máis importante da miña vida, porque iso foi ata este mércores o Dépor para min, a miña vida, a miña familia deportiva”, sinalou o xogador.

O futbolista galego, que non revela onde seguirá a súa carreira deportiva, sinala que o Deportivo lle brindou “unha oportunidade de crecer futbolística e persoalmente na casa”, xunto á súa familia e amigos, “acumulando enormes experiencias” que o acompañarán para "sempre".

Na súa carta, agradece tamén o labor dos adestradores, compañeiros, médicos, fisios, utileros e persoal do club, dirección deportiva e presidente, que lle fixeron “máis fácil este percorrido”. “Non sei o que deparará o futuro, pero teño claro que esta será sempre a miña casa e que foi unha honra e un privilexio defender estas cores. Ao Dépor e ao Fabril deséxolles o mellor a partir de agora”, apunta.

Pinchi debutou co primeiro equipo do Deportivo na tempada 2015-2016 ante o Llagostera (1-1) en dezaseisavos de final da Copa do Rei. A seguinte campaña, o centrocampista xogou dous partidos de Copa, os da eliminatoria de oitavos de final co Alavés, e estreouse en Liga ante o UD As Palmas (1-1).

No último curso, o 2017-2018, Pinchi participou en só un partido do primeiro equipo branquiazul, ante o UD As Palmas en dezaseisavos de final.

Comentarios