Andrés Gil renuncia á candidatura de RTVE "porque se necesita maior consenso"

As negociacións entre os grupos parlamentarios para a elección do novo presidente de RTVE encallaron o venres

Andrés Gil. ELDIARIO.ES
photo_camera Andrés Gil. ELDIARIO.ES

O xornalista Andrés Gil, redactor xefe de Política de ElDiario.es, decidiu renunciar á candidatura á presidencia de RTVE, porque "para presidir RTVE necesítanse consensos máis amplos", segundo explica o propio interesado no xornal dixital.

En ElDiario.es este domingo Gil refire: "Decido apartarme, porque para presidir RTVE necesítanse consensos máis amplos". "O meu nome como presidente de RTVE podía ter sentido se suscitaba un acordo amplo para contribuír, de forma transitoria e ata que se produza o concurso público, a unha RTVE con independencia, pluralidade e credibilidade", escribe Gil no citado diario, no que engade que "sen o apoio dos traballadores e sen consenso parlamentario resulta imposible".

As negociacións entre os grupos parlamentarios para a elección do novo presidente de RTVE encallaron o venres tras as reticencias expresadas polo PNV e ERC sobre Andrés Gil, o candidato acordado entre PSOE e Podemos, que non contentou ao resto de forzas políticas.

A portavoz socialista no Congreso, Adriana Lastra, pediu este domingo ao resto de grupos parlamentarios que sexan "xenerosos e construtivos" para poder acordar un novo presidente de RTVE que permita acabar coa "manipulación" e conformar un ente público plural. Segundo Lastra, a menos de 24 horas para que se peche o prazo de presentación de candidaturas, "non hai nada decidido".

Gil, en ElDiario.es, agradece "todas as mostras de apoio recibidas por parte de tantos e tantos compañeiros, colegas e amigos, todos aqueles que creron ata o final na miña persoa para contribuír a que, desde xa e para sempre, RTVE sexa #DeTodxsYdeNadie".

Comentarios