Detido con 177 landras de haxix no seu organismo no porto de Melilla

Cun peso bruto de 1.600 gramos, trátase do maior número de landras inxeridas por unha mesma persoa nos últimos anos

A Policía Nacional detivo no porto de Melilla a un marroquí de 34 anos que pretendía viaxar á península con 177 landras de haxix no seu organismo. A detención produciuse ás 23.30 horas do pasado mércores, 11 de marzo, cando os axentes de Policía Nacional sospeitaron da actitude dun pasaxeiro que pretendía embarcar con destino a Málaga, segundo informa este luns a Xefatura Superior nunha nota.

Ao pasar pola cabina de control, o viaxeiro mostrou síntomas de sudoración e nerviosismo, polo que se lle preguntou se inxerira algún tipo de sustancia estupefaciente, ao que respondeu espontaneamente que se tragou ao redor de mil gramos de haxix. Os axentes ofrecéronlle a posibilidade de realizarlle un exame radiológico, que deu como resultado a localización de numerosos corpos estraños con forma de landra.

Nas 48 horas seguintes á súa detención, o individuo expulsou un total de 177 landras de haxix, cun peso bruto total de 1.600 gramos, o que fai que se trate do maior número de landras inxeridas por unha mesma persoa nos últimos anos, segundo informou a Policía.

O detido, que conta con antecedentes por tráfico de drogas, foi posto a disposición do Xulgado de Instrución número 2 de Melilla.

Comentarios