Un home mata á súa parella en Badalona e entrégase á Garda Urbana

Segundo informaron os Mossos, trátase dun home de 48 anos e de nacionalidade guatemalteca

Un home entregouse este luns á Garda Urbana de Badalona, en Barcelona, tras confesar que matara á súa parella, nun presunto caso de violencia machista, informaron a Efe os Mossos d'Esquadra. Segundo informaron os Mossos, trátase dun home de 48 anos e de nacionalidade guatemalteca, do mesmo xeito que a vítima, unha muller de 40 anos.

O corpo da muller foi achado pola policía no domicilio onde residía a parella, na rúa Solsona do barrio badalonés da Salut, segundo fontes próximas á investigación. O presunto autor do crime quedou detido inmediatamente despois de que a policía atopase o corpo sen vida da vítima.

Axentes da División de Investigación Criminal de Granollers fixéronse cargo da investigación e intentan esclarecer as circunstancias do crime. O xulgado de instrución número 2 de Badalona, en funcións de garda, está a proceder ás dilixencias de levantamento do cadáver da vítima.

O Concello de Badalona convocou ás 12.00 horas un minuto de silencio na praza da Vila, colocará as bandeiras a media hasta e decretará dous días de duelo, informou o consistorio. O minuto de silencio coincidirá coa visita da consellera de Xustiza, Ester Capella, quen tamén participará no acto.

Doutra banda, CCOO Cataluña mostrou, a través dun comunicado, a súa condena a este asasinato machista e expresou o seu rexeitamento a unha "violencia que aínda hoxe en día se exerce contra as mulleres polo só feito de ser mulleres", e esixiu aos poderes públicos que traballen para erradicar estes casos.

Coa muller de Badalona serían quince as asasinadas polas súas parellas ou exparellas este ano, tres no que vai de xuño, número de vítimas que xa iguala ás rexistradas no mesmo mes de 2017.

A pesar dos últimos asasinatos, as vítimas mortais da violencia machista a finais de maio deste ano eran 12, fronte ás 29 do mesmo período do ano anterior, segundo datos da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero.

A muller morta este luns en Badalona é a segunda vítima mortal de violencia machista rexistrada en Cataluña no que vai de ano e a cuarta vítima estranxeira no territorio nacional en 2018.

Comentarios