Un particular compra a obra de Santiago Sierra 'Presos políticos'

Pagou 80.000 euros polas 24 fotografías de "recoñecidos encarcerados" como Junqueras ou activistas do 15 M

Fotografía de la obra 'Presos Políticos' de Santiago Sierra. FERNANDO VILLAR (EFE)
photo_camera Fotografía de la obra 'Presos Políticos' de Santiago Sierra. FERNANDO VILLAR (EFE)

A galería Helga de Alvear vendeu a obra de Santiago Sierra Presos políticos en la España Contemporánea a un particular, que pagou 80.000 euros polas 24 fotografías de "recoñecidos encarcerados" como Oriol Junqueras ou activistas do 15M.

Fontes da galería confirmaron a venda da obra, na que os retratados, entre eles os mozos encarcerados acusados de agredir a dous gardas civís en Alsasua (Navarra), aparecen "pixelados" pero son facilmente recoñecibles grazas ás etiquetas coas que son descritos.

Helga de Alvear, que substituíu no seu expositor de Arco as fotos de Sierra por outras dunhas máquinas de Thomas Ruff, aseguraba este mércores pola mañá que había varios interesados, como os moitos que compraron o seu catálogo, a 10 euros, e cuxos beneficios serán destinados a unha organización de loita contra o cancro.

A  galerista apostilaba que se a retirada "revalorizaba" a obra "sería a primeira vez" que se vende algo deste artista, que "sempre" a mete "en leas". "Tiven a todos os presidentes e ao Rei boca abaixo e non se vendeu, tívenmo que quedar eu na colección", dixo.

A galerista retirou este mércores do seu posto en Arco 2018, que abriu as súas portas a profesionais e coleccionistas, a obra de Sierra porque así llo pediu Ifema, que argumenta que "a polémica" suscitada "prexudica" a "visibilidade" do resto, unha decisión moi cuestionada e que o Concello de Madrid tentou rectificar. 

Comentarios