Manifestacións en varias localidades galegas contra o auto da Manada

As mobilizacións, convocadas polas redes por varios colectivos feministas, claman contra un "sistema machista" 

Varias localidades galegas acolleron este xoves concentracións de protesta e repulsa convocadas de maneira espontánea e a través das redes sociais despois da decisión da Audiencia de Navarra de ditar liberdade provisional para A Manada baixo fianza de 6.000 euros.

Clamando contra a "xustiza patriarcal" e contra a "xustiza machista", miles de persoas, sobre todo mulleres, volveron a saír ás rúas de Galicia esta xornada, nunha semana que, ademais, coincide coa que rexistrou a primeira vítima mortal por violencia de xénero na comunidade. 

En Pontevedra, a concentración arrincou a partir das 20.30 horas, fronte á Audiencia de Pontevedra, que se sitúa, ademais, enfronte da sede provincial do PP, polo que é un punto habitual de concentracións. 

Máis de 200 persoas, con representación de varios colectivos, corearon na cidade do Lérez consignas e portaron carteis con lemas como 'xustiza española machista e patriarcal', 'mulleres en rebelión contra a discriminación', 'contra a manda que a violou, contra a manda que os deixa libres'. 

"ACTITUDES VIOLENTAS E REPULSIVAS". A responsable de CIG Muller Paca Ferradás leu un manifesto no que se referiu a un "contexto político no que a xustiza española demostra a súa incapacidade" de defender ás mulleres contra a violencia machista.

Esta liberdade provisional para os integrantes da Manada, dixo, é unha "mostra máis" desta "incapacidade" e incrementa, ao seu xuízo, "o risco de que calquera violencia cometida contra as mulleres quede impune". 

Ferradás referiuse a a moza "que foi criticada e perseguida polos medios" e que "viu a súa historia converterse nun relato mediático no que ela era a culpable", cando o "acto de valentía que representa pór unha denuncia converteuse nunha exposición absoluta da súa intimidade". 

Neste escenario, subliñou que "moitas probas achegadas" demostraron "actitudes violentas e repulsivas dos membros da Manada". 

Con todo, lamentou a decisión da Audiencia de Navarra e advertiu que "contra un sistema" que "mata" as mulleres e "contra unha xustiza machista", o colectivo feminista vai seguir "saíndo ás rúas". Tras ela leron comunicados outras portavoces de colectivos.

Comentarios