Feijóo di que entende a decisión da Valedora e agarda as de máis persoas

O presidente da Xunta mostrouse enigmático ao comparar a situación coa dalgúns "municipios, onde se pode contratar a familiares e non pasa absolutamente nada"

Alberto Núñez Feijóo, en la rueda de prensa posterior al Consello da Xunta. LAVANDEIRA JR, EFE
photo_camera Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. LAVANDEIRA JR, EFE

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este xoves que entende a decisión da Valedora de pór o seu cargo a disposición do Parlamento tras a decisión do Tribunal Supremo sobre o proceso de contratación da sobriña de Manuel Fraga nesa institución.

O Supremo rexeitou o recurso de casación presentado polo alto comisionado en defensa da contratación da xefa de Servizo de Administración e Persoal, María Puy Fraga, irmá do portavoz parlamentario do PPdeG e sobriña do expresidente Manuel Fraga, despois de que o TSXG anulase o nomeamento no que apreciou "desvío de poder" e a decisión fora ratificada polo Tribunal Supremo. "Entendo que a valedora, ou calquera outro departamento desa institución que tivese algo que ver con esa contratación ou convocatoria pública, correspóndelle pór o seu cargo a disposición do Parlamento", asegurou o presidente galego en conferencia de prensa ao termo da reunión semanal do Executivo autonómico.

Ademais, continuou, se se concreta nunha renuncia ao cargo os grupos parlamentarios deberían iniciar conversacións para "eventuais" novos nomeamentos, xa que son precisos os votos de 3/5 da Cámara (45 de 75 deputados) para validar aos novos cargos.

Segundo Núñez Feijóo, ademais, a decisión de Milagros Otero hónraa e supón que hai "unha forma distinta de actuar nas institucións da comunidade autónoma fronte ao que ocorre nalgúns municipios, onde se pode contratar a familiares e non pasa absolutamente nada", dixo sen explicar a que se refería.

O presidente autonómico recordou que o alto tribunal non se pronuncia sobre o fondo da cuestión, senón que sinala que non hai materia suficiente para a "casación", como reclamaba o recurso da valedora fronte á decisión do TSXG.

De todos os xeitos, Núñez Feijóo insistiu en que a Valedora "non asinou esa convocatoria", polo que se ela tomou esa decisión considera que tamén "deberían facelo as persoas que teñen relación co proceso".

Comentarios