O inverno disfrázase de verán: 27,9º de máxima en Galicia

Leiro chegou a esta inusual temperatura nunha xornada con gran oscilación térmica: a mínima foi de -3º en Calvos de Randín

Flores de primavera en el Campus de Lugo. SEBAS SENANDE
photo_camera Flores de primavera no Campus de Lugo. SEBAS SENANDE

Aqueles que se espremeron os miolos para acuñar o xa estendido termo veroño, resultado da fusión das palabras verán e outono, enfróntanse agora a outro complicado reto: darlle nome á anomalía meteorolóxica na que está sumida Galicia nas últimas semanas.

E é que, en pleno inverno, este martes alcanzáronse nin máis nin menos que 27,9 graos centígrados no municipio ourensán de Leiro. E 26,6º en Pontevedra, 26,5º en Tui, 26,3º en Lourenzá... ás portas do Entroido, o inverno disfrazouse de verán. 

Tras varios días de máximas moi por encima do normal nesta época do ano, o mércores regresa a choiva. Pero este martes os mercurios aínda estaban disparados. En Mondoñedo chegouse aos 24,8º. Na Coruña alcanzáronse os 24,4º, igual que en Bóveda. En Vigo o termómetro marcou 23,8º; en Lugo, 23,6º; en Sarria, 23,2º...

Ata 31º graos de diferenza entre a máxima e a mínima
Pero isto non foi o máis rechamante da xornada. Sempre segundo os datos de Meteogalicia, a diferenza entre a máxima rexistrada en Galicia e a mínima (Calvos de Randín, con -3º) foi de case 31 graos. A amplitude térmica, como se coñece esta oscilación, está a ser outra das características do tempo nos últimos días.

Tamén houbo temperaturas negativas en lugares como Verín (-2,4º) ou Rozas, en Castro de Rei (-0,6º). E Lugo capital quedou en valores positivos polos pelos (-0,4º).  

Comentarios