La Xunta dice que lo relevante es si el Ayuntamiento comprobó que el festival se podía celebrar en el puerto

O vicepresidente do ente autonómico, Alfonso Rueda, cre que non é transcendente "quen era o titular dos terreos"

Alfonso Rueda. EFE
photo_camera Alfonso Rueda. EFE

O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, criticou este martes ao alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero, polas súas declaracións tras o afundimento dunha parte do paseo marítimo do porto desta cidade o pasado domingo durante a celebración dun concerto do festival O Marisquiño, e subliñou que o relevante neste caso é se o Concello comprobou que ese lugar era seguro para celebrar o evento.

"Creo que pornos a discutir sobre quen era o titular dos terreos, como está facendo o alcalde de Vigo, é desviar a atención do fundamental, que é se se podía ou non autorizar un evento como o que tivo lugar o domingo pola noite na zona onde tivo lugar", dixo en declaracións á cadea Ser, recollidas por Europa Press.

Caballero explicou este luns que a parte do paseo marítimo que se afundiu, deixando feridas a máis de 300 persoas, estaba asentada sobre unha estrutura de formigón antiga que foi a que colapsou e que é allea ao convenio asinado entre o Porto de Vigo e o Concello en 1992 para o mantemento de zonas de confluencia entre o porto e a cidade.

Segundo o vicepresidente do Goberno galego, é necesario pescudar que sucedeu esa noite para que non volva repetirse, pero o que hai que facer agora non é discutir sobre quen é o titular da zona afundida.

Neste sentido, indicou que é o Concello o que "podía dicir que non se celebrase a actividade e dixo que si", ao conceder a licenza aos organizadores do evento. Xa que logo, cre que o importante é saber se o Consistorio fixo as comprobacións necesarias no lugar para concluír que "para os miles de persoas que se prevé" que acudan ao festival, "esta actividade é segura neste lugar".

"Creo que o demais é desviar a atención e non traballar para saber que pasou e evitar que volva pasar", engadiu o vicepresidente da Xunta, que, en declaracións posteriores á cadea COPE, afirmou que "probablemente" o Concello "non tiña que dar" a licenza.

"CORTINAS DE FUME". Rueda, que considera un "pequeno milagre" que as consecuencias do accidente non sexan máis graves do que foron á vista de como "quedou a estrutura", lamentou tamén que o alcalde de Vigo, reproche ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que non estivese presente no lugar do sinistro o domingo pola noite.

"É unha evidencia máis" de que probablemente non lle interesa falar do fundamental, que é se o Concello fixo ou non as comprobacións para que se realizase o evento", e por iso intenta xerar "cortinas de fume", manifestou.

Comentarios