A familia de Lupe Jiménez: "Vinte anos de cárcere para un asasino non son nada"

No xuízo contra o lucense José Luis Cortiñas, acusado do asasinato de Lupe Jiménez, haberá reforzo policial para evitar posibles altercados na Audiencia de Pontevedra desde este martes

A Audiencia de Pontevedra acolle este martes a partir das 10.00 horas o xuízo con xurado polo asasinato de Lupe Jiménez, no que a Fiscalía solicita 20 anos de prisión para o seu marido, o lucense José Luís Cortiñas, que se atopa en prisión provisional desde o crime, ocorrido en febreiro de 2014.

Unha das irmás da falecida, Cristina Jiménez (que tamén perdeu a súa nai un ano despois da tráxica morte de Lupe), atendeu amablemente a este xornal poucas horas antes do inicio do xuízo. "Vinte anos de cárcere non son nada para un asasino. Agardamos que polo menos os cumpra de forma íntegra", declarou Jiménez, que engadiu que "serán momentos moi difíciles para nós porque volveremos recordar todo o que sucedeu".

O Ministerio Fiscal considérao autor dun delito de asasinato, coa circunstancia agravante de parentesco, e dun delito de aborto, ao atoparse a vítima na súa quinta semana de xestación, "circunstancia coñecida polo acusado que tiña intención de provocar a inviabilidade do feto", segundo se recolle no escrito de acusación.

A Fiscalía sinala que o 23 de febreiro de 2014 José Luís Cortiñas circulaba pola estrada da Coruña acompañado da súa esposa, cando detivo o vehículo nun cruzamento nun monte próximo a Santiago, e "servíndose dunha navalla que previamente preparara a fin de dar morte á súa esposa", procedeu a apuñalala. Cravoulle a navalla, supostamente, doce veces na rexión anterior do tórax, tres veces no pescozo e unha na boneca, causándolle a morte "case inmediata".

Ademais, a Fiscalía pide á Sección Cuarta da Audiencia pontevedresa que o acusado indemnice ao fillo maior da parella na cantidade de 19.172,54 euros e a outros cinco, todos eles menores de idade, na cantidade de 47.931,33 euros cada un pola morte da súa nai, coa que José Luís Cortiñas levaba casado 24 anos.

A Audiencia de Pontevedra reservou sala para celebrar o xuízo en dúas sesións, mañá martes e pasado mañá mércores, e ordenou que se adopten unha serie de medidas adicionais de seguridade que inclúen, entre outras, o reforzo da presenza policial na sede xudicial para evitar que se produzan altercados.

Esta última medida vén provocada pola decisión da Sociedade Xitana de Galicia que, tras o crime, anunciou a decisión do seu consello de anciáns de expulsar aos Cortiñas de Galicia para "evitar baños de sangue" conforme "coa lei xitana".

Esta decisión provocou que máis dun centenar familiares residentes en Vigo, Lugo, Ferrol e A Coruña se visen obrigados a abandonar a comunidade autónoma.

Comentarios