73 adegas do D. Ou. Rías Baixas exportan máis de 4 millóns de botellas en 2008

Setenta e tres adegas adscritas ao Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas exportaron un total de 3.031.434 litros  de viño no exercicio 2008, que alcanzaron un valor de máis de 17 millóns de euros. O presidente deste Consello Regulador, José Ramón Meiriño, asegura que ''así queda patente o dinamismo e a vocación exportadora das adegas desta denominación de orixe''.

No exercicio 2008, as exportacións do D.O. Rías Baixas rexistraron un descenso do 7,55% con respecto a 2007. Esta baixada é debida, nunha maior parte, á diminución da produción na vendima 2007, na que se recolleu un 38,8% menos de quilos de uvas. O xerente do Consello Regulador, Ramón Huidobro, puntualiza que ''non podemos esquecer que estamos a vivir unha situación económica de crise e o mundo do viño non é alleo a ela, evidentemente, e Rías Baixas é unha denominación de orixe vitivinícola.''

Mercados
O mercado americano, que acumula o 63,76% das exportacións de Rías Baixas, mantén a súa preponderancia fronte ao 26,44% da Unión Europea. Estados Unidos continúa sendo o principal importador, concentrando o 52% das exportacións; séguenlle o Reino Unido, un mercado tradicional desta denominación, con 364.820  litros; Porto Rico que, con 149.976 litros e un incremento do 16%, despraza a Alemaña á cuarta posición. Outros mercados nos que os viños de Rías Baixas manteñen un importante volume de exportacións son México, Suíza e Noruega.

Finalmente o mercado asiático rexistrou unhas exportacións de 46.058 litros en 2008. Un destino no que destacou o incremento das vendas a Xapón, país que creceu un 8,48% neste último exercicio ata alcanzar os 35.000 litros de viño.

Comentarios