O pan de Cea viaxa desde Ourense ao resto do mundo

O presidente do consello regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan de Cea, Carlos Rodríguez, explicou a GG que cada día saen dos 18 fornos asociados, centos de pezas de pan de 1 quilogramo, 1,2 quilogramos e 600 gramos chamadas "moletes" en autobús e avión con destino a Barcelona, País Vasco, Asturias, Murcia, Cartagena, Córdoba, Valencia e Canarias, entre outros.

"No meu caso concreto, cada mes pago facturas de máis de mil euros a unha empresa de transporte coa que teño convenio e non son o único na zona", explicou.

As fronteiras non existen xa para este pan elaborado en fornos tradicionais, con medidas determinadas e con masa e proceso tamén regulados que dan como resultado un pan único na súa forma, sabor e conservación.

Na contorna máis próxima, o pan de Cea só ten como límite a fronteira de Portugal ao sur, pero ao norte esa liña non existe pois participa de forma periódica en feiras europeas como as de Turín (Italia) e Francia e incluso chegou a Xapón con motivo dun intercambio cultural.

Tampouco o océano Atlántico é fronteira pois as celebracións de "magostos" e outras festas nos Centros de Galicia de Venezuela e Arxentina sempre requiren a presenza do pan de Cea que lles chega en avión dende Ourense.

Agora ao resto do mundo

O pan de Cea pasará a ser universal en poucos meses pois está prevista a gravación de dous documentais, un para o programa "Un país para comelo" que se emitirá en Televisión Española en 2011.

Nese programa, o pan de Ourense protagonizará un capítulo do percorrido gastronómico que xa están a facer Imanol Arias e Juan Echanove por toda España coa colaboración do cociñeiro Ferranz Adriá.

O outro documental correrá a cargo da BBC británica que se interesou polo pan de Cea nunha cata de viños celebrada na Coruña.

Na degustación vinícola, segundo Carlos Rodríguez, o escritor inglés asentado na capital coruñesa John Barlow fixo de embaixador do pan de Cea e explicou a representantes da cadea BBC as súas peculiaridades e de aí saíu o compromiso de gravar o proceso de elaboración.

Todo comezou fai 700 anos

O oficio de panadeiro e o pobo de Cea están ligados desde fai centos de anos, pois xa no século XIII o entón abade do mosteiro de Oseira, don Ares, conqueriu do rei Sancho IV a autorización e o dereito a celebrar unha feira mensual activada pola presenza continua de peregrinos que facían o Camiño a Santiago pola Vía da Prata e polos produtos locais como o pan.

Cen anos de memoria viva

Os últimos cen anos desa historia son narrados por Antonio Calviño, panadeiro xa xubilado e homenaxeado na "festa do pan de Cea" celebrada hai un mes.

Calviño ten 68 anos e explicou a GG que xa os seus avós maternos e paternos eran panadeiros e elaboraban pan "branco" de trigo para vender e outro coñecido como "picurí" ou "rolón" para o consumo familiar.

"Naquela época os veciños eran case todos panadeiros e se turnaban para cocer nos fornos comunais pero a miña nai, que tamén facía pan, animounos fai 40 anos a construír o noso propio forno para poder organizar mellor o noso horario e non ter que estar pendentes das quendas".

Panadeiro e músico, Antonio Calviño tamén converteu en panadeira á súa esposa Milagros Testa e ambos, tras pasar anos de traballo en Suíza, continuaron a tradición familiar de abastecer de pan a toda a comarca veciña do Carballiño.

Fai 40 anos que construíron o forno e 30 anos que teñen unha amasadora eléctrica pero aínda así o traballo e o horario resultan duros para estes artesáns, segundo Calviño.

Con todo, a súa empresa continuará pois o seu fillo e a súa nora Rosa de la Fuente seguen utilizando o forno e mantendo a produción de 45 pezas ou "poias" por fornada.

Unha das avoas de Calviño repartía unhas 40 peza de pan diarias pola comarca a lombos dunha mula e hoxe, a súa familia fai unha repartición diario con furgoneta e enviando pezas de pan en autobús a Pontevedra pero tanto a súa familia como as outras 18 de panadeiros, serán coñecidas pronto en todo o mundo.

Comentarios