Arde unha casa en Ortigueira sen causar feridos

Un incendio calcinou por completo unha vivenda no termo municipal de Ortigueira, pero non houbo danos persoais, aínda que si cuantiosos danos materiais. Así o indicou o 112, que explicou que a casa incendiada sitúase en Pallarega, na parroquia de Mosteiro.

Foi un particular o que chamou ao 112 ás 20.30 horas do luns para alertar da situación. Segundo indicaba, no interior da propiedade non había ninguén no momento no que se declarou o lume. Os profesionais do Centro de Atención ás Emerxencias alertaron aos Bombeiros do Eume e ao GES de Ortigueira. Tamén se informou á Garda Civil.

Por outra banda, a última hora da tarde do luns declarouse outro lume nunha casa de Rábade, que afectou a parte da vivenda, situada na rúa José Pardo. Todo apunta a que o lume se iniciou no tellado da vivenda e estendeuse a dúas habitacións, segundo relatou o 112, que indicou que as chamas afectaron a varias estancias e queimaron diverso mobiliario.

O 112 recibiu o aviso dun particular ás 21,40 horas do luns e alertou aos Bombeiros de Vilalba e á Garda Civil. Tamén se informou a Urxencias Sanitarias, aínda que finalmente ningunha persoa resultou ferida.

GALPÓN. Tamén no municipio de Paderne de Allariz un incendio nun galpón de Golpellás calcinou un coche, diversa maquinaria agrícola e leña.

A estrutura tamén se viu afectada, pero a vivenda situada á beira do galpón non se viu afectada. O lume declarouse sobre as 20.00 horas do luns. Foi un particular o que contactou co 112 Galicia para explicar os feitos, debido ao que foron mobilizados os Bombeiros de San Cibrao e o GES do Pereiro de Aguiar. Tamén se informou a Protección Civil e á Garda Civil.

Comentarios