Arrinca o segundo concurso de tapas de Meira con once establecementos

Ramiro Pérez y Cheché Real, con hosteleros participantes en el concurso de tapas (Foto: EPL / ROCA)
photo_camera Ramiro Pérez y Cheché Real, con hosteleros participantes en el concurso de tapas (Foto: EPL / ROCA)

A segunda edición do concurso de tapas de Meira, promovido polo Concello, arrinca este 19 de abril coa participación de once locais de hostalería, catro máis que o ano pasado. As propostas gastronómicas dos bares meiregos poderanse degustar ata o vindeiro domingo 28, todos os días en horario de 19.30 a 23.00 horas.

Os establecementos participantes son O'Casoa, A Flor, O Muíño, Xeira, Os Cangos, Centro, Chispas, Pozo, Casa Cazoleiro, Pedreira e Arguiñano. Os responsables de todos eles decidiron fixar este ano o prezo da tapa entre o 1,50 e os 2,50 euros, sendo o prezo de 2 euros o máis común.

Os clientes poderán valorar cunha puntuación que vai do un ao dez as propostas culinarias e terán un folleto coa ruta de tapeo na que poderán ir selando os locais nos que xa degustaron a tapa.

Deberán ter un mínimo de cinco selos para poder emitir voto neste concurso, mentres que se selan os once establecementos poderán entrar no sorteo de varios premios.

O primeiro consta dun vale agasallo por valor de 550 euros para utilizar a conveniencia do gañador na axencia Halcón Viajes de Lugo. O segundo son vales de compra nos supermercados de Meira -Claudio, Día e Spar- por valor de 180 euros, mentres que o terceiro é un paquete de saúde e gastronomía para dúas persoas no Spa Attica 21 de Vilalba.

RECONTO

Cada establecemento terá unha urna na que os clientes poderán depositar os seus folletos selados coas súas valoracións ás tapas. As urnas recolleranse o día 28 ás 23.00 horas e volveranse a abrir o martes 30, ás 10.00 horas nun acto público, para proceder ao reconto que dará a coñecer os gañadores do concurso de tapas. Os tres primeiros clasificados recibirán un diploma acreditativo. A continuación procederase ao sorteo dos premios entre os clientes.

O alcalde de Meira, Ramiro Pérez, destacou que esta iniciativa tivo un gran éxito o ano pasado, cando se repartiron ao redor de 7.000 tapas. «Os participantes quedaron moi contentos e houbo moito movemento no pobo», explicou o rexedor.

Engadiu que o concurso se pode ver beneficiado tamén porque inclúe dous fins de semana e apuntou que «sendo agora os días máis longos, se acompaña o tempo, seguro que a xente anímase máis a saír de tapas».

Os clientes que proben as tapas nos once locais entrarán no sorteo dun vale de 550 euros nunha axencia de viaxes

Comentarios