Arrinca a segunda edición das Xornadas Formativas sobre o viño, Ponteviño 2009

pa fuera.jpg
photo_camera pa fuera.jpg

Unha oportunidade única para coñecer o mundo do viño da man de auténticos profesionais. Ese é a lema principal co que hoxe arrincou a segunda edición das Xornadas Formativas sobre o viño, Ponteviño 2009. Un evento organizado pola Federación Provincial de Empresarios de Hostalería de Pontevedra, Feprohos, en colaboración coa Asociación Galega de Catadoras, Asagu, co que se pretende achegar novas ideas aos expertos, así como invitar a aquelas persoas con inquietude de descubrir as posibilidades do sector.

O acto inaugural, celebrado hoxe ás 17.30 horas no Hotel NH Palacio de Vigo, contou coa participación dos presidentes das entidades organizadoras Feprohos e Asagu, José Manuel Magaz Ledo e David Barco Araujo, respectivamente.

Igualmente, estiveron presentes o Tenente Alcalde de Vigo, Santiago Domínguez; o Concelleiro de Promoción Económica, Emprego e Participación Cidadá, Santos Héctor Rodríguez e o xornalista do Mundo, Víctor da Serna.

Todos coincidiron ao sinalar a Ponteviño como unha oportunidade excepcional de obter unha formación complementaria ao longo de diferentes xornadas, que comezarán mañá mesmo e estenderanse ata finais do mes de maio.

A principal novidade desta edición é Ponteviño Wine Meeting baseado na reunión de profesionais do sector da hostalería con produtores de viños e outros produtos gastronómicos. Trátase dun encontro multisectorial co que a organización pretende dar a coñecer a potencialidade dos xéneros da provincia, ao mesmo tempo de compartir experiencias entre os participantes. Éste terá lugar o 4 de maio no Hotel Pazo Os Escudos, de 10.30 a 19.30 horas, como actividades paralelas haberá catas de diferentes denominacións de orixe.

Pola súa banda, o presidente do C.R.D.O. ''Valdeorras'', Xosé Luís García Pando, foi o encargado de clausurar o acto de inauguración coa celebración dunha dos seus mellores viños, na que ninguén puido negarse a mergullarse por uns instantes nos aromas e sabores da terra ourensá.


Programa
Ademais do Ponteviño Wine Meeting, o conxunto do programa inclúe outros certames como Ponteviño Catas, a tradicional degustación de diferentes tipoloxías de viños que, desde o 21 de abril e ata o 7 de maio, achegará as claves para distinguir caldos de nivel alto, medio e iniciación.

Doutra banda, Ponteviño Cociña desvelará os segredos para conseguir unha boa combinación do viño coa cociña, repostería e coctelería coa participación de distintos catadores, sendo as datas de celebración desde o 27 de abril ao 13 de maio.

Para rematar, mencionar o certame Ponteviño Aberto, no que medios de comunicación, mulleres e desempregados están invitados a participar nun curso de iniciación á cata de viños, desde o 18 ao 21 de maio.

Múltiples opcións coas que Feprohos, co apoio de Asagu, busca a consecución doutros tantos obxectivos que van desde a profesionalización do sector con formación de calidade e a promoción da unidade dos expertos, ata a sensibilización da sociedade sobre os valores positivos da cultura vinícola.

Para máis información acerca dos contidos, horarios e lugares de celebración, poden visitar a website http://pontevino09.blogspot.com

Comentarios