Arrincan na Fonsagrada unhas xornadas que exaltan a cociña de proximidade

Mostrar o potencial turístico da denominada cociña de proximidade é o obxectivo dunha iniciativa posta en marcha pola Deputación de Lugo cuxo primeiro taller arrincou onte no restaurante Cantábrico da Fonsagrada.

Os participantes nesta primeira xornada elaboraron pratos, baixo a dirección da chef deste local, Eva Pérez, con derivados de porco celta e cogomelos da Montaña, acollidas ao Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia.

A cociña de proximidade é un concepto moi recente que busca diferenciar aos restauradores que usan maioritariamente provedores e produtos da súa zona, o que asegura a frescura do produto e o seu óptimo estado tendo en conta que non se fan necesarios longos transportes.

Esta iniciativa, denominada Showcooking Cociña Autóctona, está promovida pola Deputación e consta dun total de 12 talleres prácticos, impartidos por cociñeiros de contrastada traxectoria. As clases están dirixidas principalmente a profesionais do sector da hostalería e o obxectivo é fomentar o uso de produtos autóctonos na elaboración diaria dos seus pratos.

Durante a clase empregaranse, fundamentalmente, produtos que posúan a marca de calidade LugoSabe, creada pola entidade provincial. A próxima xornada deste programa, que se prolongará ata o próximo mes de febreiro, celebrarase mañá mércores, ás 18.00 horas, no restaurante O Grelo de Monforte.

Comentarios