Bárbara Jiménez gaña o X Concurso Gastronómico Nacional Interatún

A receita '¡Un bocadillo de atún claro en aceite de oliva e unha cervexa!' elaborada pola nova cociñeira Bárbara Jiménez Ponce do I.E.S Universidade Laboral de Toledo resultou gañadora do X Concurso Gastronómico Nacional Interatún. O certame celebrouse no I.E.S. Escola Superior de Hostalería e Turismo de Madrid.

Os alumnos que ocuparon a segunda e terceira praza no Concurso tamén sorprenderon coa orixinalidade das súas receitas, cumprindo todos co requisito de utilizar, como ingrediente principal, a conserva de atún claro en aceite de oliva. Javier Pérez Bataller, da escola de Pastelería do Gremio de Mestres Confeiteiros de Valencia, recibiu o segundo premio e Manuel Moreno Sanz do IES Escola Superior de Hostalería e Turismo de Madrid, escola anfitrioa da final desta décima edición do certame, o terceiro premio. 

Un dobre xurado avaliou e cualificou as receitas dos dez alumnos finalistas. O Xurado Interno, composto por profesores de cociña, valorou a calidade do traballo, destreza e limpeza na elaboración. O Xurado Externo, que valorou a presentación, a orixinalidade e os sabores do prato á hora de degustalo, estivo formado por profesionais do sector e prestixiosos chefs e gastrónomos.

As 10 receitas seleccionadas para a final desta  décima edición serán incluídas,  xunto coas 90 receitas finalistas de anteriores edicións do concurso, no libro recompilatorio das 100 mellores receitas de conserva de Atún Claro en Aceite de Oliva.

O Concurso, nesta edición, contou coa participación de 83 Escolas de Hostalería de toda España. Este ano foron presentadas un total de 268 receitas. Esta altísima participación no X Concurso supón a maior rexistrada na historia deste certame de tan recoñecido prestixio entre as escolas de hostalería de España.

Comentarios